Compartir actividades e recursos, coñecer outras formas de organizarse, de traballar. Achegarse a outro tipo de accións con obxectivos diferentes ou similares… En Senda Nova coincidimos que o apoio mutuo entre entidades é un camiño sempre ao norte, por múltiples razóns. Deste xeito intentamos que as accións a desenvolver sexan coa colaboración de concellos, entidades culturais, veciñais, deportivas…etc. e intentando, dende a nosa resposta, colaborar tamén en actividades con obxectivos comúns e iniciadas por outras asociacións.

Dende as nosas posibilidades, este xeito de organizarse é transversal á programación anual de actividades, colaborando con asociacións veciñais do noso rural nas presentacións dos roteiros de sendeirismo nos locais sociais das parroquias ou mesmo coa utilización dos mesmos nas HISTORIAS DE INVERNO , para o desenvolvemento dos faladoiros cos nosos maiores…etc.

O vínculo iniciado nos roteiros ten seguimento artellando unidade social  na hora da protección dos espazos, como no caso de Monteneme. Tamén coa coordinación para compartir recursos e sumar esforzos en actividades no noso entorno rural.

Aínda que é un traballo transversal á meirande parte de iniciativas, hai algunhas nas que a xuntanza de esforzos é aínda máis básica e incluso obxectivo primordial.

As plataformas sociais de defensa do territorio xuntan ilusións a prol de obxectivos comúns. Así, dende Senda Nova témonos integrado na Plataforma en Defensa de Corcoesto e Bergantiños, na iniciativa de defensa dos Penedos de Pasarela e mesmo na Plataforma en Defensa de Redes, en Asturies, creando un vínculo con entidades doutras comunidades.

As limpezas simultáneas de praias e ríos iniciadas por outras entidades son outro xeito de sumar esforzos así como os proxectos internacionais onde Senda Nova ten participado a través da mocidade da Costa da Morte.

 

PROXECTO XEM

O proxecto XEM ( Xuventude, Europa, Medioambiente ), tivo lugar no ano 2014 na Costa da Morte. A través desta iniciativa de Senda Nova, participaron 29 mozos e mozas de 4 países europeos para desenvolver actividades conxuntas que puxeran en valor os espazos de interese de Bergantiños e Soneira.

Deste xeito, Senda Nova compartiu esforzos con outras tres entidades con dilatada experiencia internacional. Coa experiencia do XEM, Senda Nova participa agora en outros proxectos internacionais ao longo do continente europeo con entidades de obxectivos similares e doutros países. Faino coa participación activa da mocidade da Costa da Morte máis involucrada no traballo voluntario.