Abrindo Camiño, de lembranza: A Píllara das dunas, patrimonio de Baldaio

Abrindo Camiño, de lembranza: A Píllara das dunas, patrimonio de Baldaio

Píllara

Píllara

“OS NOSOS ESPAZOS”

“Sen dúbida, dentro do apartado dos NOSOS ESPAZOS, está Baldaio. No territorio carballés veñen de desenvolverse as últimas xornadas de interpretación dos humidais, coincidindo sempre co Día Internacional dos Humidais.
Pero hoxe é 1 de outubro, o día que a SEO/BirdLife celebra como Día Mundial das Aves.

Falar de aves e falar de Baldaio ten parada obrigada nunha especie cunha pegada importante no areal bergantiñán: A Píllara das Dunas, ou Píllara Papuda (Charadrius  alexandrinus).
A súa delicada situación, ademais do descenso do seu número nos últimos anos, foi quen de desenvolver por parte da Xunta de Galicia un decreto para a protección dunha especie realmente ameazada e un claro indicador biolóxico do estado dos nosos areais e os sistemas dunares ben conservados.

Dende o comezo da época de cría, varios membros de esta endidade contribuimos no seguimento dos niños de píllara na praia de Razo Baldaio, intentando aprender e disfrutar coas conductas dunha limícola de escaso tamaño, pero dun comportamento espectacular. Os membros de GN Hábitat, así como o persoal de conservación e demais voluntari@s foron outr@s dos que deixaron horarios e días entre maio e xullo, coa fin de que puideran sair adiante novos individuos.

A principal ameaza constitúea a propia especie humana a través da maquinaria de limpeza de praia  (ás veces en época de maior presión de xente), do paso de vehículos motorizados, e tamén de animais domésticos. Os cans representan unha ameaza seria e directa sobre uns individuos adultos que non chegan ás oitenta parellas  na xeografía galega.  O lugar dos niños, directamente sobre a area, tamén é un factor que xoga na contra da súa conservación ao poder ser quebrados por pisadas, incluso de xeito involuntario.

Localizar e pechar  os niños, constitúe, a día de hoxe, un procedemento con resultados positivos para poder manter esta emblemática especie. A sensibilización da poboación para un cambio de condutas nos areais tamén é un camiño paralelo non menos interesante. Non levar os cans ás praias onde aniñan, camiñar pola zona mollada da area, evitar a zona de dunas e a contaminación de tipo acústico son algunhas das pautas para mellorar o noso comportamento, e deben de comezar pola xente máis nova.

Das conclusións desta primavera de cría en Baldaio falounos Dani nestes Días de ecoloxía e patrimonio. Ese novo rapaz entusiasta do GN Hábitat transmitiunos uns coñecementos e amor por este espectacular animal, que nos serviron para poñer o noso graíño de area pola especie e por Baldaio.

A labor de GN Hábitat no areal carballés é dende hai moito tempo. Dani fíxonos un repaso da situación xenérica da especie, sobre todo en Galicia. Unha situación verdadeiramente preocupante e que tivo esta primavera, en Baldaio, unha das fermosas excepcións. Un total de once polos de píllara chegaron a voar no areal de Razo-Baldaio, na época de cría que ven de rematar. Entre cinco e seis parellas foron as encargadas de que o areal fora o mellor de Galicia nestes pasados meses.

O entusiasmo de Dani na súa exposición pasada é a base para un maior compromiso de entidades, concellos, Xunta de Galicia e usuarios e traballadores da praia, a prol da conservación dunha especie que ten hoxe a Baldaio como unha das súas maiores esperanzas.”

José M. Menéndez