Camiñando e de lembranzas

Camiñando e de lembranzas

Apalpador, en Carreira, Zas, 2016

Apalpador, en Carreira, Zas, 2016

Se o viaxeiro soñou algunha vez coas terras interiores da Costa da Morte antes de ter entrado nunca en Carreira, ben podería a aldea de Zas, cumprir as expectativas do visitante. Se ademais, o viaxeiro  inquedo,  se achega nunha curta tarde de inverno, quizá poida recibir o agasallo autóctono da brétema pesada e o orballo fácil, que xa logo se mestura con esa noite que baixa pola ladeira do lado soneirán de Meda.

Despois de pasar a cabana de folla de millo, ben pode ter parado a ulir a humidade, a fixarse no encanto dalgún cabazo minimalista. Alí, diante da porta do local social de Carreira, foille fácil adiviñar as manadas de lobos baixando ao resgardo da brétema. Mesmo pareceu escoitar os cabalos entre os toxos. A vergoña do forasteiro e un lugar descoñecido e pantasma acompañan  aos estímulos. Agarda entón un intre antes de abandonar a friaxe de inverno. Repasa con reparo cada historia que podería estar a ocorrer, co que tería acontecido a carón dun toxo que se conserva diante das portas, que adiviña para estrar.

O calor calor chega ao abrir a pesada porta do antigo local social da Asociación O Santiaguiño de Carreira. En forma de temperatura, de animosidade e de acollida por parte da Banda de Gaitas Lembranzas de Bergantiños e da expedición de Senda Nova, que voltou este ano a organizar unha actividade que se perpetúa no calendario invernal e nas actividades ancestrais.

As xentes do lugar, arredor da asociación veciñal mostran con orgullo unha vez máis un museo do liño que manteñen de xeito exemplar e cunha variada mostra de amplo material histórico.

Escoita o visitante que vai vir o Apalpador e mentres observa a felicidade de nenos e nenas en interesantes dinámicas interpretativas da súa figura. Mentres, os maiores,  coidan unha lareira antiga que quenta  a noite co vestido de gala das máis puras lareiras galegas.

O local está cheo de xente e, desafiando á fría noite, nenos diante e maiores detrás, saen á búsqueda dun carboeiro galego que habita durante estes días nun Pico de Meda orgullo dos de Carreira. Máis de cen persoas enchen de actividade o que minutos antes eran corredoiras baleiras.

É entón cando os fachos acendidos baixan das corredoiras  da montaña. É entón cando a aldea se reitera no inverno ancestral. Cando as figuras das axudantes do Apalpador e do mesmo carboeiro se deixan ver na brétema de Zas.

Fálanos de respecto da natureza, de lobos, de xoguetes feitos a man. De liberdade, de montaña, dun consumismo que nos devora.

Os nenos de Carreira deixáronlle sitio á comitiva a carón do lume do local. No lugar repartíronse xoguetes e as sabedoras castañas coas que o Apalpador agasallou á rapazada.

Á música tradicional puxo a guinda á socialización e as nenas e nenos fixeron brilar os seus ollos no espello dun carboeiro entusiasmado pola acollida.

Disque lle contaron ao viaxeiro do agradecidos que estaban a Lembranzas de Bergantiños e a Asociación de Veciños O Santiaguíño de Carreira por todo o traballo.

Foi antes de despedirse. De pechar a porta e seguir camiño na noite escura.  Camiñando e de lembranzas.

Máis fotos na nosa galería.