A berrea: un concerto único

A berrea: un concerto único

Berrea 17

Case sen decatarnos os días comezan a ser máis curtos e as noites máis longas e frías, o sol comeza a perder forza e as choivas fanse máis presentes nos nosos días; síntoma de que o verán nos está dicindo deica logo e o outono se está facendo oco entre nós.

Chegou setembro, e con el novos comezos e ansiadas aventuras. Tan ansiadas que levamos agardando por elas todo un ano, preparándonos pouco a pouco ata adquirir un pleno contacto coa natureza e con todo o que a rodea. E despois de tan longa espera por fin chega o que tanto ansiabamos. A berrea. Namentres dende Bergantiños contamos os días que faltan para vivila e preparamos as nosas mochilas con emoción, os bosques do Alto Nalón asturiano comezan a encherse co son dos berros guturais dos cervos creando un auténtico escenario dun concerto único, que está agardando polo seu público. A nosa chegada.

E como nos sucedeu co fin do verán, sen decatarnos estamos poñendo rumbo a El Condao, parroquia pertencente o concello de Llaviana, coas mochilas as costas e dispostos máis que nunca a camiñar o que faga falla para poder escoitar ese son tan característico dos cérvidos nestas datas.

Con moita ilusión subimos case os 600 metros de desnivel, pois as ganas de chegar ao campo base e de gozar dun fin de semana con amigos fai que a subida tan só sexa un paseo e que sexa a liña de saída a unha nova aventura que estamos por coñecer.  Os primeiros sons cóllennos por sorpresa, e non importa se é a primeira vez que os oes ou se xa levas varios anos oíndoos, pois o primeiro berro que escoitas cada novo setembro sempre é unha nova emoción que te enche de alegría e que te fai fundir coa natureza que te rodea.

Cansos, pero sen perder esa ilusión chegamos o lugar de pernocta, no que nos recibe unha leve néboa e unha fría noite, mais a néboa non tarda en desaparecer e permítenos marabillarnos dun fermoso teito de estrelas, que nos avanza que ao día seguinte será un día solleiro.

Erguémonos incluso antes de que saia o sol. Montamos telescopios e colgamos os prismáticos no pescozo, namentres, a través deles agardamos en silencio, e co berrar dos cervos por música de fondo, a que algún se deixe ver entre as matas, ou mesmo no corte da montaña debuxando unha silueta negra co fondo do ceo azul do amencer.

Pouco a pouco vamos vendo un, catro e ata 12 venados, tan maxestosos a pesares de botar a noite sen descanso e sen cesar de berrar. Co correr das horas o sol comeza a facerse eco entre as montañas e a cada paso que el dá, van cesando os sons dos cérvidos. É hora de que se escondan tras as matas e nós poñamos fin a nosa primeira espera.

O día pasa rápido entre amigos e novas experiencias. Gozamos da plena desconexión do mundo e aproveitamos o lugar no que estamos para coñecer novas formas de divertirnos, sen nada máis que os nosos compañeiros e compañeiras e a natureza mesma.

E antes de que se poña o sol volvemos realizar outra espera, e ao contrario que á mañá, con cada minuto que pasa aumenta o son dos cérvidos mentres que a luz solar mingua, o que dificulta cada vez máis poder ver algo. Aínda así conseguimos ver uns dez.

A mañá seguinte toca recoller e poñer rumbo cara a casa. Cargamos as mochilas as costas e toca baixar o que subiramos o primeiro día, máis agora sen tanta ilusión, pois a aventura remataba. Decíamoslle ata o ano que vén a La Ortigosa, unha campeira que sempre nos facilita as esperas, pois este ano marchamos cun balance total de 35 venados avistados.

O camiño de volta danos para reflexionar sobre o  vivido cas nosas compañeiras e compañeiros, cos cales establecemos un espírito de convivencia importante estes tres días, tamén danos para pensar que nos serviu para coñecernos un pouco máis a nós mesmos.

Co sol agochándose tras o horizonte, cansos e un pouco apesarados, comezamos a volta á realidade, porén, levamos un sorriso nos nosos beizos, esperanzados por retornar o ano que vén coas mesmas ilusións que a primeira vez.

Xa na casa, decímoslle adeus a un verán que nos ensinou a coñecer e a aprender dende outras perspectivas e, que sobre todo, nos ensinou a gozar dos segredos que esconde a natureza no seu estado máis puro.

Deica o ano que vén e benvido sexa o outono!  

                Ángela Cambón

BERREA 17

Flickr Album Gallery Powered By: Weblizar

Navegando nesta web estarás de acrodo co uso de cookies. Máis información

The cookie settings on this website are set to "allow cookies" to give you the best browsing experience possible. If you continue to use this website without changing your cookie settings or you click "Accept" below then you are consenting to this.

Close