A choiva, indispensable para coñecer a “ruta das mámoas”

A choiva, indispensable para coñecer a “ruta das mámoas”

Ruta das mámoas - 9ªPR

Soa o espertador e é hora de erguerse, mais oes como cae a choiva, e pensas: que ben se está aquí! Sen embargo, levántaste, abrígaste e calzas as botas e o impermeable, que sabes ben que será o teu máis prezado amigo nesta xornada de domingo.

Outro ano máis a abondosa choiva fixo a súa aparición na Ruta das Mámoas. Porén, non foi ningún impedimento para os participantes desta xornada. Mesmo se un quere pódelle atopar o encanto a gozar dun día baixo a choiva mentres se está rodeado de coñecemento, patrimonio e cultura. Porque ben se sabe que nunca choveu que non escampara!! E non todos os días podes ver a fermosura da paisaxe baixo a choiva  mentres escoitas as verbas de Evaristo, o noso gran historiador e deseñador deste percorrido, que a través das súas palabras nos achega a outras épocas pasadas. Andainas así fainos crecer a nivel individual e de grupo, e a saber adaptarnos ao medio e coñecernos un pouco máis a nós mesmos. E saber que a choiva pode mellorar o día se nolo propoñemos.

Este é un deseño que nos leva a coñecer máis de cheo e dende outra perspectiva Cabana de Bergantiños e, sobre todo, achéganos ao patrimonio megalítico da contorna, xa que as mámoas foron as principais protagonistas.

Entre choiva e máis choiva, visitamos o Castro de Anido, o Pazo de Casanova, a igrexa parroquial de Nantón e, ao lado desta, puidemos contemplar un dos únicos pozos que presenta un picho para sacar a auga del. Este ano a pesares de toda a auga caída estaba seco, mais os seus arredores presentaban vida. A casa que estaba ao carón da igrexa, agora é o local social da asociación de veciños, unha casa chea de vida de movemento veciñal e de vida e futuro no noso rural.

As pingas seguían caendo pero non foron un impedimento para continuar o camiño, sobre todo, porque antes da comida nos esperaba unha sorpresa nunca antes vista nesta ruta; porque por moitas veces que as percorras sempre se descobren segredos novos, iso é o encanto de percorrer a natureza. Detivémonos nos cinco camiños, na indecisión de cal escoller, un levaríanos ata a comida, outro ata a sorpresa tan esperada e os outros tres a aventuras descoñecidas. Decidimos con ansias de cativos escoller a sorpresa, logo xa daríamos volta para comer, pois iso podía esperar máis o segredo non. Así dispuxemos paso firme os camiñantes, e alí estaba outro petróglifo entre un bosque de eucaliptos. Non puidemos contemplar todos os segredos que escondía esa pedra tallada mais o encanto de que alí se atopaba outra beleza do noso patrimonio fíxonos sorrir e continuar máis cheos de enerxía ao camiño que nos levaba aos muíños do Avelán, xa na veciña parroquia de Riobóo. Alí, entre o ruxir da fervenza, sacamos o frío unidos e ben xuntiños enchendo de vida os tres muíños que serviron de acougo e de restaurante, no que o bocata foi o menú principal e o café quente compartido a chamarada para encender de novo os motores dos nosos corpos fríos e húmidos.

O castro de Folgoso e a capela de San Brais, puxeron punto de partida a un tramo espectacular presidido polo pozo D´Horca e que chega á capital da parroquia por fermosos camiños e estreitos sendeiros de herba mollada e, no día da andaina, sen tregua climatolóxica ata a chegada á igrexa.

Para poder contemplar o retablo da igrexa, obra mestra que paraliza por minutos aos profanos nas súas visita, tivemos que subir a impoñente costa que ata ela nos levaría. A axuda de uns e outros fixo que a subida non fose para tanto e serviu para afianzar un chisco máis o grupo que formamos dende a saída, e as verbas de alento entre compañeiros que algunha vez se sentiron nas súas propias peles o cansancio dalgunha compañeira fixo valorar máis os esforzos que nos dispón o camiño e a gratitude e satisfacción de superar todos os obstáculos que se nos presenten. E esa cativa que tanto esforzo puxo, ben seguro que se sentirá enorme ao chegar a casa e contar todo o que superou. Hai obxectivos que se saen de coñecer o propio patrimonio.

A chegada a igrexa tivemos a sorte de atoparnos con Ernesto, que moi amablemente se ofreceu a abrirnos a igrexa e amosarnos os seus encantos. Riobóo foi o punto de partida para un tramo final que nos levou a carón dunha das máis importantes torres defensivas medievais da zona: a Torre da Penela, orixe dunha das máis importantes liñaxes da zona.

O día remataba e a choiva xa parecía que se afastaba, aliciente de sorrisos e de ansias por que chegue un novo domingo desta primavera en ruta.

 

Ruta Das Mámoas- 9ªPR

Flickr Album Gallery Powered By: WP Frank