A costa carballesa: Razo-Baldaio

A costa carballesa: Razo-Baldaio

O día erguíase frío e sombrío, como un invernal domingo de novembro dos que prestan pasar o día ao carón da lareira, mais para un amplo grupo de camiñantes o seu plan era ben distinto. O frío e sombrío día tornou para eles nunha agradable xornada na que a súa lareira era os pasos compartidos entre compañeiros e o cálido abrigo deles nos momentos nos que o vento e a choiva das terras de Razo e Baldaio se erguían máis fortes.

A mañá pasounos rápida e tranquila, na que os camiñantes dispostos a andar chegaron ata a punta do chan de Razo, onde puideron ver as chamadas catedrais de Carballo, que ano tras ano pola erosión do forte bater das ondas na pedra foi desgastando e erosionando, alí no punto máis afastado da costa carballesa. A mañá continuaba e o discorrer do día levounos ata a praia e alí puidemos descubrir, que en Carballo temos fósiles; pois contamos cunha praia fósil, e alí onde antes había mar hoxe hai vexetación e podemos comprobar na pedra os recordos que deixou a auga fai milleiros de anos atrás.

Deixábamos Razo tras as nosas pegadas na area e acompañados dun forte ruxir do mar e do gran sistema dunar adentrábamonos pouco a pouco en Baldaio. Houbo tempo para moito, sobre todo para poñer en valor a Píllara das dunas, un fermosos paxariño que contamos  ca sorte de que uns dos poucos lugares nos que aniña e nos que hai máis especies é en Baldaio, polo que entre todas e todos debemos conservar e coidar, para iso debemos aprender que as algas non son lixo, son fonte de alimento e vida, e que os animais domésticos non deben correr polas praias. E xa na entrada á ría lembramos a gran importancia e riqueza ecolóxica que alberga a lagoa, e tamén non nos puidemos esquecer das grans agresións que sufriu durante os anos 70 coas masivas extraccións de area.

E xa na hora de comer, entre bocadillos e risas, tamén tivemos tempo para reflexionar sobre a actividade do día anterior e volver a facer fincapé que manter os nosos espazos limpos é cousa de todos, e que un pequeno xesto como tirar obxectos innecesarios polos nosos baños pode supor un gran problema posteriormente, xa que  a gran maioría dese lixo acaba nos nosos mares e ríos.

A tarde presentounos húmida e chuvieira mais os participantes non perderon as ansias por seguir coñecendo e adentrándose no interior de Baldaio, afastabámonos do gran espazo que é a lagoa mais nunca sen deixar de quitarlle ollada, pois, aínda que ao lonxo continuou presente na nosa tarde.

O día remataba, e para despedilo faciámolo dende o alto, dende o mirador de Santa Irene, o cal se atopa nun castro, e na que podemos atopara unha das mellores perspectivas da lagoa e de toda a costa carballesa.

 

Razo-Baldaio Para Protexer 2017

Flickr Album Gallery Powered By: Weblizar