A Ribeira da Pena: un exemplo de eucaliptización

A Ribeira da Pena: un exemplo de eucaliptización

O Bosque da Ribeira da Pena mantén a súa agonía entre as variedades de eucalipto máis agresivas, a carón das actuacións menos concienciadas e da estrada que une Carballo e Ordes.

A un paso de Carballo, a masa de bosque autóctono máis importante da bisbarra diríxese con paso firme, rápido e continuo á súa desaparición. As cortas de vexetación autóctona chegan á beira da canle do río Abelleira, o corazón e vértebra principal de toda a masa de bosque. Os problemas co eucalipto son aquí o exemplo claro e visible cunha especie que aniña neste espazo a través das súas variedades máis agresivas.

Ven puideron apreciar os 30 camiñantes do domingo a relación do eucalipto co lume en varias áreas salteadas. O lume só apareceu nas zonas de vexetación invasora mentres que nas parcelas que manteñen vexetación autóctona, o lume non fixo acto de presenza. Maior sorpresa foi para os participantes o feito que, neste espazo, non se respecte nin a vexetación de ribeira nin a distancia para plantar eucaliptos a carón das canles fluviais.

A primeira das saídas dos Días dos Bosques 18 realizouse como cada ano con tristura, a pesares da tregua de choiva constante que nos ameazara en xornadas anteriores. Mais o bosque ten un toque máxico nun entorno de humidade total onde o sol non é capaz de colonizar o chan de esponxa das zonas máis puras do espazo. As árbores máis poderosas como o castiñeiro, o carballo ou o bidueiro acondicionan de xeito perfecto ao sotobosque, para realizar a escultura perfecta dunha zona de fadas.

Sen dúbida, as segundas partes tamén son boas,  e que Jesús e Jesusa nos sigan a ensinar o seu muíño funcionando segue a ser un dos premios máis agardados durante os anos de camiñadas interpretativas para sacarlle o máximo ao bosque e a Aldemunde.

O castro e o dolmen pechan un círculo máximo na parroquia menos poboada do concello de Carballo e manteñen a parte cultural da ruta para configurar un percorrido cheo de contido nos escasos 7 quilómetros de distancia.

O monumento megalítico segue a ser lugar de referencia na bisbarra e o único catalogado no concello con esas características. O dolmen tamén volta a ser, cada ano, o lugar de reflexión perfecto para ir visualizando , pouco a pouco e coa vista nos 12 anos de seguimento do Bosque da Ribeira da Pena, a regresión bestial á que sometemos o espazo. Bioindicador quizá do estado das masas autóctonas en Galicia e da proliferación do eucalipto. Indicador tamén, quizá, da regresión dos espazos naturais da zona.

 

Días Dos Bosques 18 Camiños Aldemunde

Flickr Album Gallery Powered By: Weblizar