As meigas chegaron aos Xoves de Filme

As meigas chegaron aos Xoves de Filme

O pasado xoves, no Espazo da Natureza de Oza, visionouse “O Aquelarre do Monte Neme”, quinto filme do programa Xoves de filmes do V Inverno Ancestral.

O documental que se proxectou é un dos capítulos da serie “Lendas vivas” que recompila as lendas ancestrais máis enigmáticas e misteriosas de Galiza. Este capítulo en concreto falounos da figura das meigas ou bruxas e a súa relación co Monte Neme.

No Espazo da Natureza, un público de idades diversas, metade rapaces, metade adultos, dispúxose a saciar a súa curiosidade acerca deste ser mitolóxico (ou non) e saber máis acerca do seu vínculo con este monte que temos tan preto das nosas casas.

Cunha ambientación moi lograda, tebrosa e misteriosa, cunha mestura de drama ficcionado e explicacións de expertos e testemuñas da zona, con tomas no propio Monte Neme, o documental deixounos claro o que son as meigas, que fan, como sería o seu aspecto e como se recoñecerían e escorrentarían segundo contan as lendas.

Tamén vimos o vínculo que teñen co Monte Neme, onde se celebraba un dos dous aquelarres de meigas máis importantes de Galiza. E é que o Monte Neme, como di o propio documental coas verbas do seu presentador, é unha das máis importantes montañas sagradas de Galiza, non so pola súa orixe mitolóxica conservada no seu nome dende milleiros de anos, senón tamén polos restos arqueolóxicos e as fermosas lendas que o pobo conservou ao longo destes séculos.

Pero non só segundo contan as lendas de séculos pasados, xa que nun inquietante debate posterior tamén revivimos relatos de historias recentes e testemuños de eventos misteriosos na zona.

Independentemente da idade, tanto pequenos como maiores marcharon coñecendo máis acerca destes misteriosos seres, pero tamén con certo medo e quizais máis curiosidade e inquietudes sobre o que pode ocorrer e o que puideron, ou quen sabe, poden estar a facer na Eira das Meigas, alá no cumio, as meigas do Monte Neme.

Con esta proxección, o programa de filmes chegou ata o seu ecuador. Se na primeira parte os filmes trataron máis acerca da fauna, a floresta e o medio rural, nesta segunda parte afondarán nas problemáticas ambientais máis importantes na zona nos últimos anos e os movementos sociais que xurdiron para denuncialas.

O vindeiro xoves á hora habitual, 19:00h, “O Tesouro de Corcoesto”. Documental de Cora Peña que vén a afondar na problemática deste tipo de minaría extractiva a través do exemplo do proxecto de Corcoesto.

Adrián Eirís