Así foron as Xornadas de Interpretación dos Bosques 2016

Así foron as Xornadas de Interpretación dos Bosques 2016

Xornadas de Interpretación dos Bosques 2016

Xornadas de Interpretación dos Bosques 2016

Outro inverno máis remata e con el despedimos as Xornadas de Interpretación dos Bosques 2016.

Puxémoslles fin co DÍA DA ÁRBORE, actividade que se leva realizando case dende os comezos, xa fai unha década.

Unha plantación na que vos reunistes nenas, nenos e incluso ata familias enteiras; e entre os máis de 40 participantes que vos achegastes o Rego da Balsa puidémoslles dar un novo fogar a máis de 30 árbores de especies autóctonas nas que se atopaban carballos, acivros, salgueiros e ata algunha nogueira. Moitos deles cedidos pola ASOCIACIÓN DE VECIÑOS A FONTE SALGUEIRA DE VILELA-ENTRECRUCES.

Con esta plantación o que intentamos é fomentar, deste xeito, a labor do bosque autóctono. Unha actividade de sensibilización, sobre todo, para nenos e nenas; xa que nos últimos tempos as presións urbanísticas e os cambios no sistema económico, así como os incendios forestais (relacionados cos demais factores) fan que o bosque autóctono en Galicia sexa en moitos lugares só testemuñal.

Outra das actividades que se incluíron dentro deste programa foron tres documentais: “Amazonía Carbonizada”, “Green” e “Marcha Atrás”.  Proxeccións emprestadas  polo Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA), que pretendían o achegamento a diferentes problemáticas en bosques autóctonos de diferentes partes do mundo coa posta en común coas ameazas que está a sufrir o bosque autóctono galego.

E como un dos soportes desta asociación son as saídas por roteiros deseñados para ser  interpretados, nestas xornadas non podía faltar a visita a Ribeira da Pena, un dos bosques mellor conservados da zona, cun territorio formado por unhas 80 hectáreas e que está constituído por un importante número de vexetación autóctona.

E a saída o Río Bardoso-Berbia un claro exemplo dun excelente patrimonio ben conservado, aínda que cada vez máis engulido por especies invasoras como o eucalipto e a acacia. E no que tamén podemos atopar un valioso fento de escasa evolución e que ten orixe fai 65 millóns de anos.

Cun total de participación de arredor dunhas 200 persoas e unha valoración moi positiva podemos concluír que un ano máis aportamos o noso gran para seguir conservando os nosos valiosos bosque, para continuar mantendo a cultura e historia dun pobo que van ligadas a estas especies autóctonas que plantamos hoxe, e para que poidamos seguir aproveitando os seus recursos  como fixeron os nosos pais e avós que foron capaces de deixarllos de pais a fillos ata case a actualidade.

Os nosos bosque, un recurso polo que temos que loitar!

Ángela Cambón

Xornadas de Interpretación dos Bosques 2016

Xornadas de Interpretación dos Bosques 2016