Senda Nova en 2019. Todo un ano de traballo

Senda Nova en 2019. Todo un ano de traballo

Escapou un ano 2019 con gran dinamismo para Senda Nova.

A asemblea pasada serviu entre outras cousas, coma sempre, de balance de accións. De 12 meses intensos que se transformaron en máis de 100 iniciativas abertas ao público. Máis dun cento de propostas que poderiamos sumar tamén as colaboracións con outras entidades ou mesmo aos numerosos traballos sen presencia de participación externa que, espallados polas 52 semanas anuais, levan a facer pontes, abrir camiños ou acondicionar o Espazo da Natureza.

6º INVERNO ANCESTRAL. FALADOIROS, EXCURSIÓNS E APALPADOR

III Inverno Ancestral: Apalpador na escola (2015)

Comezaba o ano 19 coa inercia dunha programación de inverno comezada que propuxera 17 iniciativas na estación máis fría.

No ano 2019 xuntáronse parte das HISTORIAS DE INVERNO, que levaron aos nosos maiores a ser protagonistas en Cereo, Carreira e Rus. Un faladoiros que estiveron no máis alto a través da proxección en diferentes lugares do documental HOXE QUEN BAILA?. Buño acollía unha nova exposición do traballo. E dende Malpica de Bergantiños aos Ancares, nunha excursión para a lembranza e o aprendizaxe a través dun grupo realmente heteroxéneo.

DÍAS DE ACHEGAMENTO AOS HUMIDAIS:

MÁIS PRETO DAS ZONAS HÚMIDAS DE BERGANTIÑOS

Coincidente co Día internacional dos humidais, achegámonos aos catro espazos bergantiñáns máis interesantes no que ten que ver coas zonas húmidas. Baldaio, Alcaián, Esteiro do Anllóns e Traba de Laxe foron protagonistas nunhas xornadas que pretenden cada ano poñerlle o foco a estes territorios tan ricos dende o punto de vista ecolóxico, cultural e social e a unha paisaxe de privilexio. Salientaron a situación, dramática nalgúns casos, destas zonas tan sensibles e interesantes.

XORNADAS DE INTERPRETACIÓN DOS BOSQUES. A DIAGNOSE DOS BOSQUES QUE AFUNDEN

Días dos Bosques 17. Camiños de Aldemunde.
Días dos Bosques Camiños de Aldemunde.

Os máis novos eran novamente protagonistas no espazo para os nosos bosques máis importantes. Co compromiso anual coas nosas zonas máis interesantes, e como nos humidais, dabámoslle cabida unha vez máis e como cada ano, ao achegamento aos bosques da Ribeira da pena, a Berbia, e o Bardoso, complementando as xornadas coa tradicional plantación de especies autóctonas no Día da Árbore. Como en programas anteriores, a diagnose é profundamente negativa.

SEMENTANDO NO ESPAZO. O ESPAZO DA NATUREZA NAS LEIRAS DA DINAMIZACIÓN

Escola achegamento físico 4

Coa primavera cobrou vida a horta e un proxecto específico de unión da horta e Espazo da natureza de Oza. SEMENTANDO NO ESPAZO chegou a través da axuda da Deputación da Coruña e sementou ación durante todo o ano na horta, invernadoiro, biblioteca e sala de formación a través de obradoiros, horta continua e visitas, sobre todo de escolares da bisbarra. Percorreron as instalacións a través de estacións de aprendizaxe relacionadas coa sementeira, as pegadas de animais ou as accións de achegamento ao medio a través do material.

10 PRIMAVERA EN RUTA. 10 ANOS DE COMPROMISO A TRAVÉS DO SENDEIRISMO

7º Primavera en ruta
Primavera en ruta

O programa máis antigo da asociación cumpriu 10 anos mantendo as premisas iniciais. 8 roteiros de sendeirísmo para demostrarnos ser firmes defensores da dinamización das rutas e de realizalas a modo de aprendizaxe, seguindo as pautas con que foron deseñadas. Un exemplo de orgullo este aniversario ao ver que, despois de 10 intensos anos de traballo, conseguimos construír un proxecto no tempo con aqueles cimentos dos que tan seguros estabamos. O apoio dos concellos da bisbarra segue a ser un piar do proxecto e un exemplo de coordinación no que se suman entidades como Protección civil de Carballo.

ENCONTROS CON ENTIDADES

O aniversario trouxo proxectos paralelos, como os ENCONTROS CON ENTIDADES, a maioría delas de fora da nosa zona de influencia.

Tameiga

Asociacións de Pontevedra como a Mancomunidade de Montes de Tameiga ou o Instituto de Estudos Bergantiñáns, compartiron andainas con nos, coñecendo os de fora o patrimonio da Costa da Morte. Estas entidades sumáronse o Grupu d´ornitoloxía Mavea, de Asturies ou a Casa da Horta, de Porto (Portugal), e configuraron semanas intensas de compartir multitude de vivencias que comezaban xa de sábado nos encontros de Oza.

Os Pasos da historia2
Os Pasos da historia2

OS PASOS DA HISTORIA

Quiso resumir en medio cento de fotos 10 anos de andainas. Unha tarefa difícil para facer desto unha exposición de fotografías. Conseguiuse, coma sempre, co cúmulo de esforzos colaborativos. O Pazo da cultura foi o berce do nacemento e estancia da exposición que expuxo instantáneas e obxectivos, agarimo e esforzo de 10 anos de loita continua.

Exportou o orgullo ao Parque natural de Redes, sendo deste xeito, Asturies e no outono, o destino fermoso para espallar os encantos patrimoniais de Bergantiños, Soneira e Ordes.

BUENOSDÍASTENGAUSTÉ. O PULO DO 2º DOCUMENTAL DE SENDA NOVA

Buenosdiastengausté presentacion 3
Buenosdiastengausté presentacion 3

Á chegada do Día das letras voltou ser a data escollida para presentarnos o segundo dos documentais sobre as HISTORIAS DE INVERNO. Parando o reloxio non podemos creer o lonxe que puido chegar esta iniciativa que para nos, representa tantas e tantas cousas. Un traballo novamente conxunto con máis de medio cento de narrador@s que, neste caso, repasan a historia da escola de mediados de século. O emocionante repaso multiplicouse coa presenza dos protagonistas no Espazo da natureza de Oza, nunha emocionante velada.

ENCONTRO FESTIVO DE VERÁN. UNIÓN DE FORZAS, UNIÓN DE COMPROMISO

Un acto de convivencia que anualmente serve para clausurar as programacións da primavera nun ambiente de musica, festa e diversión, onde a rapazada da ESCOLA AMBIENTAL, é protagonista.

ESCOLA AMBIENTAL: 7º E 8º EDICIÓN PARA SEMENTAR CONCIENCIACIÓN

Unha edición pechase en xuño e ábrese xa a oitava edición no mes de novembro. Sen dúbida o proxecto máis ilusionante e de máis futuro. A aposta máis forte da asociación que, coa colaboración do Concello, continua con paso firme no percorrido pola mocidade que acompaña á sensibilidade. Unhas 30 sesións se estenden a través de 8 meses de andaina anual onde se misturan sesións de cultura, de ecoloxía e de achegamento ao medio. Onde se misturan saídas e sesións de aula. Onde se dan cita cada ano case tres decenas de nenos e nenas de Carballo transmitindo enerxía e resistencia.

EU QUERO RAZO BALDAIO: SENDA NOVA DENTRO DO PROXECTO DO CONCELLO

1º Obradoiro pegadas EQRB 2
1º Obradoiro pegadas EQRB 2

Senda Nova tamén participou neste proxecto que o Concello de Carballo pon en marcha e que serviu para expoñer case 30 accións de potenciación, coñecemento e sensibilización do litoral de Carballo. Serviu tamén para coordinarnos e aprender con outras entidades como ADEGA e HÁBITAT e para realizar 9 iniciativas do conxunto de propostas coas que contou o programa. Obradoiros de pegadas, rutas xeolóxicas ou culturais ou mesmo nocturnas foron as accións que desenvolvemos en Senda Nova durante o verán do 2019.

8 OUTONO EN MARCHA: OS MARRÓNS E OCRES, DE NOVO PROTAGONISTAS DA DINAMIZACIÓN DAS MARCHAS

8º Outono en Marcha

A estación de follas secas suma e segue, contribuíndo para chegar ás dúas decenas de rutas de sendeirismo para o coñecemento que dende Senda Nova celebramos pola bisbarra. Cos mesmos obxectivos que a PRIMAVERA EN RUTA pero con outro telón de fondo. Outra paisaxe que, desta volta, enchoupouse na climatoloxía bergantiñá para poñer condimento e esforzo aos dous centos de participantes que lle adicaron suor, madrugóns e agarimo.

ESPAZO DA NATUREZA: EPICENTRO DA DINAMIZACIÓN AMBIENTAL

Espazo da Natureza de Oza

A aposta da asociación pola reconversión da pechada escola unitaria nun elemento de dinamización ambiental é decidida dende fai catro anos, cando aterramos nestas instalacións. Pouco a pouco fomos construíndo dende esta entidade unha programación continuada, uns horarios de apertura e uns recursos materiais que van en aumento e que son capaces de mellorar o equipamento a prol dunha dinamización que aumenta e se vertebra.

A optimización do invernadoiro, o comezo da plantación de especies autóctonas nos exteriores (onde antes había eucalipto) ou a construción da biblioteca (coa súa posterior mellora), son algunhas das actuacións ou melloras no noso Espazo.

Paralelo a isto e debido ao mantemento e crecemento dos proxectos dos que vimos falando, o lugar gana en días de actividade aberta ao público e en horarios de apertura, que afianzan maior tempo de uso das instalacións en xeral e na biblioteca en particular. Á vez, mantense como a referencia na asociación para apuntamentos a actividades, información, xuntanza de soci@s…Doutro xeito, o espazo é tamén utilizado por outras entidades como AGA ou a Plataforma en defensa de Monteneme, entre outras.

O obxectivo de dinamización da antiga construción solapa coa insistencia en seguir demostrando que o rural ten futuro e que a parroquia rural de Oza alberga unha boa xeira de programación a través destas accións e as que levan tamén a cabo outras entidades como a Asociación de veciños a Torre Vixía e dende outros centros como o Centro social de Oza.

É de salientar que dende que pechou o equipamento como escola, as melloras que sufriu unha instalación, daquela en condicións xustas para o uso, foron basicamente executadas por Senda Nova a través da gran labor voluntaria d@s asociad@s. Cunha diagnose sinxela xa poderemos apreciar que a mesma pide unha reforma máis ampla polo concello que, primeiramente, sirva para arranxar e poñer o día a instalación do mesmo xeito que outras escolas na mesma situación, e para adaptar a mesma a un uso e unha programación que ven sendo ampla, estable e continuada dende fai anos. E mostrándose, por outra banda, como unha referencia na dinamización ambiental nas nosas comarcas. Só neste 2019 e soamente en programacións abertas ao público hai que salientar os máis de 60 días de actividade diversa. Por este espazo pasaron só neste 2019 entidades de Asturies, Pontevedra ou Portugal e activistas galegos, do resto da península e mesmo de centroamérica. Poderíanse sumar á ampliación dos horarios de apertura para as actividades de biblioteca, horta…etc.

XOVES DE FILME

Xoves de Filmes Cabalo Galego
Xoves de Filmes Cabalo Galego

E ademais desta programación establecida e basicamente consolidada, temos que engadir os XOVES DE FILME, tamén como unha aposta continuada de dinamización do Espazo da natureza de Oza. A iniciativa semanal alongouse pola metade do ano 2019 para expoñer dúas decenas de propostas escollidas entre os traballos de achegamento ao patrimonio cultural e ecolóxico, así como documentais de importancia social. Todos eles co obxectivo de dar visibilidade a interesantes audiovisuais que, atopándose fora das canles mediáticas, favorecen a concienciación social en áreas imprescindibles.

ENCONTROS CON ACTIVISTAS

Quixeron poñer nome e apelidos a persoas que impulsan o anonimato persoal a través do traballo en entidades diversas. As veladas foron interesantes e presentaron a homes e mulleres de diferentes ámbitos de traballo e diferentes lugares, chegando a activistas hondureñas, que chegaron a Oza a través da entidade Enxeñería sen fronteiras.

DA LAREIRA Á LAMEIRA

O programa de Radio TV Cerceda que comezou a finais do ano 2018 mantívose neste 2019. DA LAREIRA Á LAMEIRA espallou a través das ondas o patrimonio ambiental das comarcas de Bergantiños, Soneira e Ordes a través de media hora semanal que se mantén no 2020. O programa pon no punto de mira os encantos da nosa bisbarra todos os mércores ás 12:30 a través da voz de Jose M. Menéndez.
Máis de 30 edicións no 2019 que tamén servron para achegarnos a outras actividades da asociación, así como a outros lugares fora do noso territorio, mesmo repasos e consellos sobre o material nas saídas ao medio natural. Grazas a este programa, Senda Nova sae ás ondas e é capaz de expoñer e espallar a través delas o patrimonio que temos sementado no noso amplo territorio.

COLABORACIÓNS

limpeza rios 19 4

LIMPEZAS As colaboracións con outras entidades tamén representaron unha parte de acción de Senda Nova, destacando a participación en limpezas de ríos e praias impulsadas por ADEGA ou GN HÁBITAT.

PLATAFORMAS Senda Nova tamén está involucrada en plataformas veciñais que, no ano 2019, levaron a que esta entidade puxera o seu gran de area en actividades da Plataforma en defensa de Monte Neme ou que traballara con veciños e veciñas a prol da natureza e o patrimonio na oposición de parques eólicos na nosa bisbarra.

PILLARA DAS DUNAS A entidade está presente de xeito modesto no equipo de seguimento da Píllara das Dunas, en Baldaio, participando nos foros de mellora dende a integración do Grupo Píllara.

Píllara
Píllara

COLABORACIÓN NO VARAMENTO DE MAMÍFEROS MARIÑOS

Ademais, dende o ano 2019, Senda Nova colabora coa CEMMA no traballo de investigación sobre os mamíferos mariños. Na iniciativa, colaboramos a través da toma de datos en exemplares varados nas costas das comarcas de Bergantiños e Soneira. A creacción do grupo participativo que poida acudir a estas accións facilita o seguimento ao establecer unha referencia na nosa área costeira de influencia.

TRABALLO DIARIO Todo isto é apoiado por un traballo continuado por parte do noso grupo activo na realización de labores de acondicionamento do Espazo da Natureza, camiños ou sendas que percorremos e mesmo traballos seguidos de mantemento nas ferramentas e equipos que foron aumentando na entidade. Todo isto supón un esforzo diario e grande.

Por todo isto proveitamos para agradecer a cantas entidades de calquera tipo e persoeiros que colaboraron con nos neste 2019, facilitándonos a mellora, o aprendizaxe e o pulo.

Agradecer a socios e socias o aporte e sobre todo, as grazas ao grupo activo de persoas que, de xeito continuado facedes crecer este proxecto.

Jose M. Menéndez