Clausura da V Edición da Escola Ambiental Senda Nova

Clausura da V Edición da Escola Ambiental Senda Nova

Música, merenda e familias

O pasado domingo día 2 de xuño, durante o encontro festivo de verán celebrado no Espazo da Natureza de Oza, tivo lugar a clausura da 5ª edición da Escola Ambiental Senda Nova. Máis de 60 persoas, nenos e maiores nos reunimos neste lugar para pasar unha xornada xuntos e lembrando as actividades e experiencias vividas ao longo destes meses en diferentes programas de actividades. Entre eles a Escola Ambiental , na cal durante 9 meses, o grupo de monitores e monitoras voluntarios trataron a través de diferentes actividades achegar aos 20 nenos e nenas ao patrimonio do seu entorno máis achegado.

Foron 9 meses de intensa actividade todas as fins de semana. Máis de 30 actividades celebradas, de diversas características e en diversos lugares. Dende sesións de aula, camiñadas pola natureza, actividades de horta, obradoiros de convivencia etc.

Durante este tempo os nenos e nenas da Escola Ambiental de Senda Nova, foron coñecendo pouco a pouco o patrimonio cultural e natural máis próximo a eles, e foron aprendendo a gozar de xeito responsable da natureza. Comezaron pouco a pouco, con actividades curtas e sinxelas, ata que ao longo dos meses, se ían facendo máis esixentes, comezaron a participar en camiñadas máis longas, coñecer material necesario para saír a natureza (mochilas, sacos de durmir, esterillas, calzado etc), e remataron por realizar actividades de convivencia e observación nocturnas, con pernoctas ao aire libre, e co seu equipo, material e mentalización precisos para afrontalas sen ningún tipo de problema, superándose sempre cada semana.

Todas estas vivencias e coñecementos quixemos lembralos este pasado domingo durante a clausura, a cal comezou coa proxección dun vídeo que recollía fotografías dalgunhas das actividades e logros conseguidos durante esta edición da Escola Ambiental. Os monitores e monitoras tamén quixeron agradecer aos nenos e nenas , e as familias, todo o esforzo demostrado durante todo este tempo, e adicáronlle unhas palabras de agarimo e recoñecemento aos mesmos. Tras estas intervencións procedeuse coa entrega de diplomas a todos os nenos e nenas participantes.

Foi unha clausura chea de emocións e sorpresas, en forma de agasallos para os participantes, unha merenda rica e saudable para as familias, e o fantástico acompañamento das cantareiras da Asociación Cultural Arume de Verdillo , que amenizaron a tarde con pandeiretas e cantigas.

Non podemos deixar de agradecer unha vez máis a todas as persoas que fixeron posible este encontro festivo de verán, e sobre todo aos que fixestes posible que esta 5ª edición da Escola Ambiental saíse adiante, voluntarios e voluntarias da entidade que se comprometeron un ano máis con este ambicioso e longo proxecto, ó Concello de Carballo que unha vez máis apoiou e colaborou dende os seus inicios con esta iniciativa, e sobre todo, aos nenos e as súas familias que fan que esta Escola teña sentido, familias que se comprometen durante semanas e meses, que se esforzan por que o proxecto saía adiante da mellor forma posible. Nenos que o viven e gozan e fan aprender aos monitores día a día, en cada sesión, en cada convivencia. Sen este encaixe de colaboracións, este proxecto non podería saír adiante. A Escola é de todos, sigamos traballando por ela, esforzándonos, pensando en ela e sentíndoa, para que poidan seguir vindo moitas máis edicións. Eternamente agradecidos aos nosos pequenos e pequenas de hoxe, que serán o futuro e os encargados de recoller o testigo, mañá.

Seguimos no camiño, gozando agora, todos xuntos, das actividades que están por vir neste “Verán ao Natural 2017”.

Encontro Festivo De Verán E Clausura

Flickr Album Gallery Powered By: WP Frank