Compartindo trucos e remedios para a nosa horta

Compartindo trucos e remedios para a nosa horta

O pasado mércores día 19 de xuño celebramos no Espazo da Natureza de Oza un obradoiro sobre Remedios Naturais para a nosa Horta impartido por Ramón Nogueira, dentro do programa de horta comunitaria Sementando no Espazo.

A actividade dou comezo ás 19:00h cando varias deceas de persoas se achegaron a Oza para aprender novos coñecementos e sobre todo para compartir ideas e experiencias de  tratamentos e preparados naturais para utilizar na horta e prescindir de preparados químicos.

A sesión comezou cunha pequena introducción aos diferentes métodos de control de pragas, abonos, enfermidades dos cultivos etc e rematou cunha posta en práctica dos coñecementos adquiridos vendo en persoa como se realizaban algúns dos preparados máis utilizados na horta. Pouco a pouco os participantes na xornada fóronse animando e foron compartindo tamén os seus trucos máis preciados e que mellor lles funcionaban cos seus cultivos. Foi fermoso ver o gran abanico de idade das persoas que participaron na charla e o encontro interxeracional que se levou a cabo, dende crianzas de 9 ou 10 anos até persoas de máis de 80.

Este é o espírito de Sementando no Espazo, a posta en común de ideas, o aprendizaxe conxunto, e seguir sementando comunidade.

En breve anunciarémosvos máis actividades relacionadas coa horta ecolóxica, e na que de novo poderán participar tanto os integrantes da horta comunitaria coma todas as persoas que teñan interese por estas temáticas.

Agradecer de novo a Ramón a súa amabilidade e esforzo para achegarnos a este fermoso tema, e a todas as persoas que participaron na xornada.