Duas semanas de actividades viaxando polo espazo-tempo

Duas semanas de actividades viaxando polo espazo-tempo

As últimas dúas semanas foron de intensa actividade, e acompañamos con Senda Nova nunha viaxe no espazo e tempo coñecendo outras realidades dende o noso propio espazo, dende o ENO e os camiños e corredoiras do noso entorno local.

DE ATENAS E DEMOCRACIA

Hai dúas semanas, a fin de semana do venres 8 ata o domingo 10, retrotraémonos a Idade Antiga, e vistamos a cidade grega de Atenas, literalmente.

Un dos nosos membros da Asociación, Moncho Ríos, viaxou alí para correr o moderno Marathon de Atenas que conmemora a mítica xesta de Filípides, (supostamente) o soldado grego que morrera de fatiga despois de correr uns 42 quilómetros para avisar a poboación de Atenas do desenvolvemento da contenda cos persas. Pois ben, Moncho estivo alí cun gran resultado e a vivencia dunha proba moi especial, e nós con el, pero é que paralelamente, aquí estabamos dalgunha forma conectados con Atenas pois tivemos o “Encontro con activistas” con Lorena Marrozos, unha voluntaria carballesa que agora mesmo centra a súa actividade na axuda ás persoas refuxiadas, e precisamente atópase nestes momentos en Atenas, cidade chave neste movemento migratorio que está acontecendo na actualidade e vive unha situación social bastante complicada pola falta de recursos económicos.

Acompañounos moita xente na amena e interesante conversa con Lorena, viaxando polos diversos lugares que nos amosaba nas fotos e que comentaba con tanta paixón e cariño, ás veces tamén con crueza, inevitablemente e aínda que non fose a súa intención, dada a gravidade das anécdotas e dos acontecementos vividos que nos contaba. Aínda así, cunha actitude optimista e de folgos para que todos poidamos mudar esas realidades, compartimos con ela lugares e momentos en Guatemala, Guinea Bissau e Serbia. Esperamos contar con ela nunha futura ocasión para falar do seu periplo e da súa experiencia na nova etapa en Atenas.

Atenas, e Grecia de forma xeral, máis que coma un país unido, como a suma das súas cidades ou polis, foi, como sabemos, o berce da nosa actual cultura, ciencia e da democracia (sistema de goberno que derivou na nosa actual democracia representativa). Tamén foi sempre unha zona de encontro de civilizacións e fluxos de xente de diversos orixes e é que así foi capaz de brindarnos un exemplo de goberno participativo, de igualdade, convivencia e florecemento do coñecemento. Coñecer a problemática da realidade económica e migratoria actual alí, ca figura dos migrantes que chegan dende unha longa e dificultosa travesía, case sen folgos ata Europa, debería servirnos coma un metafórico Filípides que nos avisa da situación do mundo actual no que vivimos e do futuro incerto que nos espera. Debería axitarnos para levar a cabo os cambios e medidas para arranxar estas problemáticas e brindar ao futuro unha civilización máis rica, diversa, multicultural e igualitaria.

Seguindo esa fin de semana de democracia, pois o domingo 10 foi día tamén das eleccións xerais, fixemos a “Ruta das Férvedas”, dende Carballo, pola Brea, Ardaña, Rus ata Entrecruces e rematando en San Paio.

Pasiño a pasiño avanzamos por tramos da homologada Ruta das Férvedas, tamén das “Sendas do Apóstolo”, unha das primeiras rutas deseñadas por Senda Nova hai máis de 10 anos, por trazas do que sería o antigo Camiño de Santiago dende Malpica cara Compostela. Camiñamos polo chamado Tercio, entre a alta e a baixa, a medio camiño entre o monte e as terras baixas de labranza que ocupan a parte local da Depresión Meridiana (ou agora máis tecnicamente chamada Depresión ou Unidade Malpica-Tui).

Nesa viaxe espazo-temporal nosa, atravesando Rus, tamén pasamos pola Idade Media entre os ricos labradíos de Rus, que noutrora, en épocas feudais de nobres e fidalgos, tiñan que dar ben excedentes para manter tal concentración de casas ricas coma as de Liñares, Casal de Perros, do Outeiro ou o Pazo de Louride.

Ao ser o día das eleccións xerais (a veces chamada a “festa da democracia”), mentres nos íamos cara o seguinte punto da ruta nun sentido cruzabámonos coa xente que ía (algúns vindo da misa), ou os que volvían de votar. Nos colexios electorais coma os da Brea ou Rus, atravesábannos grupos de xente, moitos cara á (extrema) dereita, no exercicio democrático. Mentres, nós camiñabamos nun exercicio máis físico e cultural, aínda que non menos democrático, nunha desas camiñadas de días galegos, con auga por riba e por baixo, de lama e choiva, representativos, e que, como di Jose, tamén fan país. (Aínda así rematamos con marxe suficiente para quen quixera exercer o seu dereito de votar).

En Entrecruces, casualidades ou é que por algo é unha encrucillada que merece o seu nome, mentres visitabamos o cruceiro, cruzámonos con Lorena Marrozos, que nos saudou, e en San Paio, encontreime cunhas familiares miñas que nos amosaron o seu precioso e coidado cabazo. Xa digo, lugar de encontro e tamén de xente xenerosa e acolledora.

E rematamos en San Paio, non tan cansos coma Filípides, pero si bastante molladiños xa que non houbo tregua da chuvia que nos acompañou todo o camiño. Visto polo lado bo, a abundante auga brindounos unha vista espectacular das fervenzas de Rus e Entrecruces cun exuberante caudal de auga caendo e batendo nas súas rochas basálticas.

DENDE AMERICA CON LUCÍA E DORIS

A semana pasada continuamos a viaxe. Tivemos nos “Encontros con activistas” a visita de Doris e Lucía, dúas activistas en contra da minaría en Honduras, país mesoamericano onde antigamente se asentaba a civilización maia.

As dúas activistas fixeron unha visita a Galicia da man de Enxeñería Sen Fronteiras, entidade colaboradora e coorganizadora deste evento, sendo Senda Nova unha das entidades entre as que as acolleron e o ENO un dos lugares que visitaron e nos que tiveron lugar actos con elas no país.

Agora mesmo en Honduras, as mulleres son as lideresas dos grupos de cidadáns e campesiños, maioritariamente indíxenas que teñen unha fronte aberta común contra os intereses depredadores do capitalismo colonialista. Xa viramos en anteriores tardes de filmes no ENO a loita e figura de Berta Cáceres, que como ela dicía, é unha loita común contra o colonialismo, o patriarcado e o racismo. Con Doris e Lucía tivemos o privilexio de conversar e coñecer en persoa o testemuño destas problemáticas, non tan afastadas e diferentes ás de aquí, quizais o que máis nos diferenza é a situación de partida de uns e outros países, os medios e recursos dos que dispoñemos unhas e outras sociedades para facer fronte a elas e o grao de democracia ou fortaleza institucional e/ou do propio tecido social organizativo.

ECOS DO NEMIO E AS PEGADAS DO VOLFRAMIO

Como cada ano, o día 16 de Novembro conmemórase o Día do Patrimonio, e tamén co gallo da ruta das Pegadas do Volframio, en colaboración coa Plataforma Monte Neme, organizamos diversas actividades englobadas no programa da plataforma dos “Ecos do Nemio”, que tenta poñer en valor e divulgar o patrimonio do Monte Neme.

O sábado tivo lugar no ENO unha conversa cos maiores acerca do Volframio e a Eira das Meigas na que coñecemos moitas vivencias e acontecementos dos tempos da explotación do mineral no Monte Neme e obtivemos novos testemuños da morfoloxía do crómlech da Eira das Meigas.

O domingo foi o momento de visitar eses lugar do que nos falaron os maiores e atar eses recordos á realidade actual. En certos lugares non é doado e require un gran exercicio de imaxinación situar os acontecementos pasados e poñernos en contexto, noutros non é difícil porque aínda se conservan e non mudaron moito, dígase como algo positivo por un patrimonio que aínda estamos a tempo de conservar, por outra parte como algo negativo, pois non houbo a recuperación natural debida dunha explotación que data de hai case un século de historia.

Visitamos, como é habitual, a igrexa, e o peto de ánimas de Oza, as Torres, o castro do Rodo, as Casas das minas e a Eira das Meigas. Alí, na Eira, comprometémonos co Xuramento do Monte Neme, unha iniciativa da Plataforma Monte Neme que tenta fomentar unha visita responsable do Monte Neme a través dun compromiso xurado simbólico. E alí tamén, uníusenos un acompañante especial, que demos en chamar “Senda”, un canciño de caza Pointer que dende a nosa parada para comer, preferiu cambiar a súa xornada de caza do domingo por un mellor plan acompañando como un camiñante máis a Senda Nova na súa ruta tralas Pegadas do Volframio. (Grazas a humanidade de Roberto, “Senda” pasou a noite acollido e xa se atopa co seu dono).

E así, remataron as rutas do Outono en Marcha, pero recordade que aínda non remataron as Tardes no Espazo, cos encontros con Moncho Ríos e Paco García e os filmes.

O noso agradecemento ás persoas que fixeron posible estas actividades, colaboradores da Asociación e outras entidades coma ESF e a Plataforma Monte Neme, e de maneira especial ás persoas que participaron nas actividades e Lorena, Doris, Lucía e maiores do Monte Neme. Grazas a todas!

Adrián Eirís