Facendo historia

Ríos de Sofán 8º PR

Ríos de Sofán 8º PR

A Costa da Morte sempre estivo aquí. Moito antes que os primeiros poboadores utilizaran estas terras para vivir. Antes que a morte e a forza estratosférica construíra cada mámoa. Antes que os castrexos ruxiran dentro das murallas e que loitaran cos intrusos latinos. Que se pagaran impostos nas torres feudais ou se construíran igrexas e mosteiros coa suor dos canteiros.

Moito antes de que se fixeran anchas estradas ou se enchera o chan de eucaliptos, a nosa Costa da Morte xa tiña creado a vida e repartido a baralla da mesma dun xeito equitativo entre todas as especies animais e vexetais. Soubo prestar, mais nunca pensou en vender. E contentou a todas, que souberon adaptarse, convivir e habitar nun territorio que só necesitaron de prestado, e que contribuían con el ata que só servían como materia orgánica para abono.

Quizá na intelixencia ou na propia involución humana aniñou a avaricia, ese comportamento suxeito tan só nunha das especies do universo, pero na máis estendida de todas elas.

Poderiamos pensar que a Costa da Morte sería enganada cun comportamento que merca o territorio para telo en exclusiva e retorcelo cos usos máis afastados dun dilema natural.

Podemos reflexionar en cada metro de andaina por calquera corredoira de Bergantiños, onde está o punto de inflexión para parar as desfeitas. Ata o de agora, o resumo das conclusións poden sintetizarse no coñecemento e no movemento. En sentir os nosos recursos naturais como propios das grandes comunidades de especies coas que convivimos e, o noso patrimonio, como a historia na que nos apoiamos para saber quen somos e a onde imos.

Sen dúbida, camiñar en grupo e perderse nos diminutos recunchos favoritos, ou mesmo facelo a carón de grandes horizontes mariños, abre as hipóteses e invita ao pensamento. Facelo unindo percorridos que espreman e escaneen a paisaxe, a historia e a ecoloxía da Costa da Morte suma coñecemento e amor polos espazos en cada un de nos.

Cada ruta das nove desta 8º PRIMAVERA EN RUTA, que ven de rematar con RÍOS DE SOFÁN, ten un encanto especial, diferente. Unha personalidade propia que serve para dividir o territorio, escanealo e aprender del. As máis de 450 participacións foron un novo éxito, o mesmo que o dun programa con criterios marcados de coñecemento, agarimo e respecto polo medio, que se vai facendo maior a cando o esforzo de nenos e nenas, que crecen completando os percorridos.

A 8º PRIMAVERA EN RUTA volveu ser un espazo de reflexión conxunta. En cada unha das máis de 200 paradas para intentar aprender entre tod@s un pouco máis. En cada un dos máis de 180 quilómetros de corredoira, lama, pontes e beiras de ríos cheas de encanto e silvas. Tamén en pegadas de animais que nos fan máis partícipes do entorno ao saber que está ahi a presenza do porco teixo, o porco bravo ou o lobo.

O protagonismo dos máis novos volveu ser o pulo necesario para seguir. O apoio dos concello de Carballo, A Laracha, Zas e Malpica de Bergantiños sumou coa Fundación Pondal ou cada unha das entidades e persoeiros que nos axudan en cada ruta, ao encaixe de boliños necesario no que sempre está Protección Civil de Carballo.

Pero sen dúbida, sen cada un dos voluntarios de Senda Nova que colaborades no proxecto, ningunha reflexión tería sido posible. Moitas grazas, de xeito especial a aqueles e aquelas cun compromiso primeiro, tirando do carro sen saber se empuxan.

Seguiremos na reflexión. Intentando ser un pouquiño máis sensibles e mellorar un pouco máis como persoas. Non temos claro o futuro da Costa da Morte, pero si como sumar por ela en clave común. Unha cousa non necesita hipótese: Ela si seguirá facendo historia.

Jose M. Menéndez

 

8º PRIMAVERA EN RUTA Ríos De Sofán

Flickr Album Gallery Powered By: Weblizar

Navegando nesta web estarás de acrodo co uso de cookies. Máis información

The cookie settings on this website are set to "allow cookies" to give you the best browsing experience possible. If you continue to use this website without changing your cookie settings or you click "Accept" below then you are consenting to this.

Close