INTERPRETACIÓN E PATRIMONIO LOCAL: UNHA NOVA APOSTA OU UN VELLO OBXECTIVO?

INTERPRETACIÓN E PATRIMONIO LOCAL: UNHA NOVA APOSTA OU UN VELLO OBXECTIVO?

Ruta das mamoas XPR

Ruta das mamoas XPR

Dende a Asociación Ambiental Senda Nova ofrecemos a colaboración e experiencia na posta en valor do rural a través da interpretación.

Moi pronto a PRIMAVERA EN RUTA, a ESCOLA AMBIENTAL e un novo número da revista ABRINDO CAMIÑO, máis que nunca co noso patrimonio, entidades e comercio local.

A nova situación que estamos a vivir está a incentivar a creación de numerosos foros de debate para abordar cambios en xeitos de actuar que se viñan mantendo ata o de agora. Modelos  de conductas de entidades e administración que pretenden adaptar non só actividades senón unha nova filosofía que poida ser rentable economicamente nun novo marco social.

Varios son os ámbitos nos que aparecen debates que abordan unha restructuración incentivada por unha nova situación sanitaria ou económica

 O turismo aborda unha nova situación económica e pensa agora nun mellor rendemento xirando cara a interpretación do patrimonio e o enfoque cara un público local.

Unha nova mirada cara o comercio de proximidade reflexiona sobre a necesidade dos vínculos económicos en redes locais, consumindo nas propias vilas.

O estado de confinamento permitiu moitas reflexións e abriu o pensamento sobre do esencial e accesorio, creando moitos vínculos veciñais.
Por outra banda, a zona rural cobrou pulo e foi obxecto dun desexo motivado  máis que nada por unha falta de liberdade nos pisos das vilas.
Nas zonas rurais, maioritarias nas nosas comarcas, coidamos que pode aflorar un sentimento de autoafirmación moi necesario despois de décadas de certo autoodio. Sen dúbida, o sentimento ven reforzado por unha terra que nos da uns produtos básicos que hoxe miramos doutro xeito.

Dende Senda Nova vemos con interese os foros de debate creados por numerosos entes mais coidamos que se o cambio ao final ven motivado por un factor económico e non cunha base de convencemento en valores, corremos o risco dun resultado con pouco percorrido.

En Senda Nova vivimos a situación actual como unha reafirmación maior se cabe nas premisas que nos levaron fai 14 anos á creación da asociación. Entón era moito máis complicado falar de camiñar para aprender, de patrimonio local, de pulo ao rural, de contacto con entidades e de traballo cos máis novos. De extraer do esquecemento o patrimonio local das nosas comarcas a través do deseño de roteiros que se abriron á poboación máis achegada. De traballar coa mocidade e cos nosos maiores.

Entendemos que a proteción do medio natural e do patrimonio cultural é básico para manter ecosistemas en bo estado e previr enfermidades, para unha riqueza económica e sostible e o que é tan importante: mellorar o sentimento de pertenza a este lugar a través do amor polos noso medio e vestixios históricos, contribuíndo a crear unha comunidade unida e forte.

Sabiamos e hoxe reafirmámonos, non só que o rural ten futuro senón que o futuro está no rural. Coidamos que temos e debemos seguir afondando e crecendo na programación que encaixe o tear sobre a base do medio natural. Creando vínculos con entidades do rural e concellos, dinamizando nos institutos uns roteiros que salpican con medio milleiro de puntos de interese patrimonial, as nosas comarcas. Formando aos máis novos coa colaboración do Concello de Carballo e colexios, nos valores ambientais e no coñecemento do entorno máis achegado a través da Escola Ambiental. E cada día seguir tendo máis vida no Espazo da Natureza de Oza con actividade que encaixe nos obxectivos e coñecemento da agricultura ecolóxica e o respecto e posta en valor do noso patrimonio.

NOVAS EDICIÓNS, VELLOS PROGRAMAS
Moi cerca de comezar con impulso os programas pospostos pola cuestión sanitaria, esta nova XI Primavera en Ruta e as actividades ao aire libre da 8º Escola Ambiental das que moi pronto gozaremos, serán máis especiais aínda.

COLABORACIÓN E EXPERIENCIA Dende a Asociación Ambiental Senda Nova queremos tamén ofrecer a entidades e administracións a nosa colaboración e experiencia durante estes 14 anos de posta en valor do rural interpretando o patrimonio das nosas comarcas a través de programacións variadas e dirixidas ás poboacións locais. Colaboración para o encaixe de bolillos e para traballar xuntos por un patrimonio e un rural sostible.

REVISTA ABRINDO CAMIÑO É a hora de xuntar esforzos. Dende a nosa entidade está en marcha xa tamén  o traballo sobre o segundo número da revista ABRINDO CAMIÑO, unha publicación que quere saír moi pronto á luz a través do apoio de tod@s vos, e que pretende poñer no escaparate o patrimonio das nosas comarcas á vez que a actividade e pulo do noso rural. Desta volta tamén co compromiso e apoio ás nosas feiras e ao comercio local.

É o futuro.

A. Ambiental Senda Nova