Os pasos da vida

6 Outono en Marcha Ruta das Férvedas

6 Outono en Marcha Ruta das Férvedas 2

6 Outono en Marcha Ruta das Férvedas 2

O coñecemento e a  propia experiencia na vida, quizá non se teña só con que pase o tempo por cada un de nos. Quizá, ao mellor, temos que poñer esforzo diario en pasar nos por ese tempo, de balde, como din os vellos. Deste xeito, a propia  vida, responde en grolos gordos de coñecemento cada vez que os pes van saboreando cada metro de corredoira.  Mais aínda se conseguimos mesturarnos entre os muros de cheiro a loureiro, coa historia do propio camiño, as árbores que nos enmarcan e quizá, a pegada do porco bravo.

Igual ao final da corredoira temos un castro ou unha mámoa que nos transporta, unha vella ponte que nos empuxa de beira ou unha señora con pano negro na cabeza que, arrimada a un balado que mira ao sur, nos explica se a climatoloxía é ou non a axeitada.

Habería unha forma de melloralo se, indo en grupo conseguimos en sumar todos e sacarnos conclusións da paisaxe que nos rodea mentres, a modiño, sumamos metros á boa vida, en forma de pasos.

E cando é así, pode ser que pediramos aínda máis. Que nos entusiasmáramos coas propostas e que soñaramos con que alguén, preocupado dende neno por estudiar, coñecer e repartir coñecemento, nos acompañara, coma parte do ecosistema das corredoiras, nos paseos da vida dominicais.

Creo de verdade que este 6º Outono en Marcha que vimos de rematar, cumprimos todos os desexos dos que, dende a creación de escenarios, pensamos en aproveitar o máis posible cada domingo de andaina.

Se dicimos que foron case 100 puntos de paradas de interese neste mesmo outono e máis de 250 participacións, igual pode reflexar, sen querer, unha fría cifra máis. Ao igual que dicir que levamos seis outonos de rutas. Se fai unha decena de andainas comezamos xa a contalas con tres cifras, podemos ata entrar nun modo monotonía que para alguén poida ser aburrido. Quizá  nos custe ver o éxito entre o bosque de  esforzo,  colaboracións,  madrugóns e gabillo.

Pero do escaneo de todos estes anos, dunha e outra vez polas mesmas rutas, sacamos a conclusión de seguir cumprindo os obxectivos que nos mesmos nos puxemos cando, fai máis dunha década, quixemos darlle cor de entusiasmo ás corredoiras, o patrimonio e, en definitiva  ao noso rural, a través de cada un dos 16 deseños que as persoas de Senda Nova fomos construíndo, e os diferentes proxectos de primavera e outono, foron sacando. Desta vez, coa colaboración da Plataforma en Defensa de Monte Neme, os concellos de Carballo e A Laracha e Protección Civil de Carballo.

A auditoría ao noso rural durante este tempo, non deixa resultados demasiado satisfactorios. Con moita dose de optimismo diríamos que nos serve para saber que temos que traballar arreo. Que non hai dúbida que o carro do país xa fai moito que podreceu despois de estrelarse no fondo da corredoira. Que nos nosos montes non da a luz polos eucaliptos e que, o volume de plantacións desta especie, feitas de tres anos para aquí, representan coma poucas cousas, un futuro pouco alentador. Estamos dentro dun bosque que foi autóctono no que agora só quedan catro carballos que fumigan mentres rimos na súa sombra.

As camiñadas serven para ver, tramo a tramo e ano a ano, a “evolución” dos nosos espacios e para crear unha sensibilidade que é capaz entón de cravar coitelos no corazón dos camiñantes.

Pero sabémolo.

E á fin, coincidimos en colocar unha gotiña de auga nun inferno de abandono.

Despedimos o 6º Outono en Marcha dende a Férveda de Entrecruces.
Grazas a todos por cada un dos minutos de esforzo compartido

Jose M.Menéndez

Ruta Das Férvedas 6ºOT

Flickr Album Gallery Powered By: Weblizar

Navegando nesta web estarás de acrodo co uso de cookies. Máis información

The cookie settings on this website are set to "allow cookies" to give you the best browsing experience possible. If you continue to use this website without changing your cookie settings or you click "Accept" below then you are consenting to this.

Close