Percorrendo a Senda das Capelas, o ecuador do 8° Outono en Marcha

Percorrendo a Senda das Capelas, o ecuador do 8° Outono en Marcha

O pasado domingo día 20 de outubro chegamos ao ecuador do programa 8° Outono en Marcha, coa ruta A Senda das Capelas, un percorrido que discorre íntegramente pola parroquia de Montemaior, no concello de A Laracha.

A xornada discorreu entre nubes e choiva, pero iso non foi impedimento para gozar do patrimonio , historia e cultura que atopamos nos lugares que se visitan durante o percorrido, lugares máxicos como o castro da Pena ou o curtidoiro e o muiño de Cumiáns, nos que ademáis, coma todos os anos tivemos a sorte de poder poñernos ao seu abrigo para comer o bocadillo e refuxiarnos da choiva. Contamos coa hospitalidade de Suso e a súa familia, que nos abriron as portas do seu curtidoiro e muiño, e gozamos dunha estupenda masterclass na cal nos achegamos ao funcionamento do muiño, e do curtidoiro e a ambos procesos de producción, a fariña no caso do muíño e o curtido das peles no caso do segundo. Para os que repetimos andaina ano tras ano, segue a ser un dos lugares mais especiais dos que visitamos en todas as rutas, sendo cada vez máis difícil atopar lugares tan ben conservados coma estes, e tan ben coidados, un luxo poder ver e sobre todo sentir como moe o muiño, un dos elementos máis importantes no noso patrimonio e folclore.

A ruta tamén tivo paradas en lugares como a Capela de San Roque da Pena, a Capela da nosa Señora de Cumiáns, o alto da Fonte do Ouro, o Carballo do Outeiro, e como non a visita a unha das persoeiras xa emblemáticas deste ruta: María a Cesteira, que unha vez máis nos abriu as portas da súa casa para ensinarnos as súas fermosas creacións e a súa vitalidade aos seus 91 anos.

Un luxo poder compartir un ano mais estas corredoiras cun grupo de participantes excepcional, e cuns anfitrións de 10.

Vémonos na cuarta ruta do Outono en Marcha: Vía Alcaianus, que terá lugar o vindeiro domingo día 27. Aínda estás a tempo de apuntarte! Móllate con nós!

Senda Das Capelas. 8º Outono En Marcha

Flickr Album Gallery Powered By: WP Frank