Por Ardaña e Artes

Outono en Marcha: Terras do Marqués (2015)

Outono en Marcha: Terras do Marqués (2015)

Fai anos que o rexío de Gontade nos recibe ao comezar a ruta de TERAS DO MARQUÉS. Alicia e o seu pazo son o lugar de partida dun percorrido moi moi cheo de contido que escanea a historia das fértiles parroquias carballesas de Ardaña e Artes.

En Gontade existe o pazo máis antigo de todo o concello. Aqueles posuidores fidalgos extendían os seus dominios a noventa  ferrados. Contan que ata a Saleta de Silván. De xuro que todo o que percorremos ata chegar á igrexa parroquial de Ardaña foi daquela afortunada familia pudinte antepasada dos agora habitantes da mesma contrucción.

Á igrexa chegamos por antigas corredoiras . Antes, a parada obrigada na capital da parroquia en un cruceiro que compite en importancia cultural coa propia igrexa parroquial. Moi cerca de alí é un bó miradoiro para divisar a depresión meridiana. Sempre nos fala Evaristo dela como un dos accidentes xeográficos máis importantes do país. O reputado profesor de Zas e eterno caminante fallou nesta andaina, mais lembrámonos das súas verbas cando o terreo se puxo costento e o val de Ardaña se vía fermoso e completo dende a aldea de Quintans. O núcleo é un bó exemplo dunha aldea contruida nun lugar ecolóxicamente perfecto para o aproveitamento das mellores terras de cultivo das agras máis baixas e o uso forestal das terras máis altas do monte da Peniqueira. O tercio é o lugar onde se asentan as poboacións máis antigas das parroquias de Ardaña, Rus e Entrecruces, unidas por unha fermosa senda e unha línea imaxinaria que une as tres igrexas.

A pendente abriuse diante para subir á Peniqueira e para acoller ao animoso grupo de 30 rapaces e 4 monitores que forman a Escola Ambiental de Senda Nova e que estreaba gañas, ilusión e compromiso no primeiro día de clase e primeira clase ao aire libre.

Sorprendeulles que enterraran os mortos alá tan arriba. O alto da Peniqueira alberga dous dos túmulos funerarios que salpican a xeografía da Costa da Morte e moi cerca, no Coto do Castro, unha antiga aldea castrexa que recibe varios nomes segundo a parroquia dende onde se fale. O castro da Peniqueira ou de Martín Díaz fai divisoia entre Rus , Ardaña e Artes, sendo lugar xa onde o antigo marqués de Vilardefrancos extendía os seus dominios.

Ata alí chegamos, ata o Pazo que leva o seu nome, mais a primeira visita foi para un carballo milenario que nos acolle sempre de xeito especial e nos deixa abrazarnos a el unas sete persoas para poder medir o seu perímetro. O Carballo de San Antón ten dentro moitos anos e lendas adicadas  ao amor. Voltou a sorprender a fermosura do inmenso vexetal e debaixo e entre os raios de sol, puidemos facer o avituallamento.

Outono en Marcha: Terras do Marqués (2015)

Outono en Marcha: Terras do Marqués (2015)

O Pazo de Vilardefrancos é grandioso. Cando un entra no seu recindo pode respirar osixeno medieval que nace na súa torre, orixe dunha construcción fermosa e inmensa. Sen dúbida moito ten que ver o coidadísimo exterior que nos ensina cada ano Chema, unha desas persoas que demostra compromiso en cada viaxe que facemos ao  lugar e que nos abre e se pon a nosa disposición, en canto necesitamos  aprender todo este fermoso patrimonio.

As sobreiras do rego do Calvelo foron outra parada. A igrexa de Artes e o Pazo das Pallas. Alí rematamos a andaina. Alí,  na parroquia de Artes. O percorrido servíu para xuntar esforzos de 70 camiñantes que se enlamaron de novo nas corredoiras de Bergantiños. Aproveitas o texto para reiterar de novo as grazas polo compromiso a Alicia e á xente do Pazo de Gontade e a Chema e á xente do Pazo de Vilardefrancos por virnolo abrir dende tan lonxe. Sempre e tantas veces.

Ata a próxima.

Jose

IV OUTONO EN MARCHA: Terras Do Marqués

Flickr Album Gallery Powered By: WP Frank