Sementando vida nos colexios da comarca. Día da árbore 2019

Sementando vida nos colexios da comarca. Día da árbore 2019

Día da Árbore 19 Fogar 2

Día da Árbore 19 Fogar 2

O pasado domingo celebrábamos en Oza a xa tradicional día da árbore, que un ano máis ten lugar por estas mesmas datas.

Trátase dunha plantación conxunta de árbores autóctonas que ademáis este luns día 18 se extendeu tamén a varios colexios da comarca, os cales participaron nunha actividade de coñecemento e prantación de especies autóctonas nos propios recintos escolares, acadando así preto duns 150 participantes totais entre ambas actividades.

Nestas Xornadas de Interpretación dos Bosques 2019, que vimos a celebrar en Senda Nova dende hai moitos anos, para poñer en valor o noso bosque atlántico e contribuir na súa posta en valor e na súa conservación, son varias as accións que se realizan. Entre elas as prantacións de árbores autóctonos que outros anos se realizaron en diferentes espacios públicos como o parque do Anllóns, o Polígono de Bertoa, as beiras dos ríos, a Férveda de Entrecruces etc e que este ano se trasladou ao Espazo da Natureza de Oza e aos propios colexios da zona.

No colexio Fogar, por exemplo, foros as pequenas e os pequenos de 4º de infantil (3 anos) , as encargadas de prantar varias árbores (entre elas varios castaños e algún salgueiro), no xardín do seu recinto escolar. Sorprendéronnos gratamente en coñecementos, atención e sobre todo ilusión por participar na actividade, colaborando entre todas e todos para facer o traballo o mellor posible, deixando ben enterradiñas e sobre todo ben regadas as súas pequenas árbores que van seguir medrando a canda elas.

Unha actividade moi fermosa que se trasladou tamén ao colexio CEIP Bormoio de Agulada, onde varios cursos participaron tamén nunha prantación no seu xardín escolar, aumentando así as especies que o conforman, e apadriñando cada clase unha árbore.

Esta acción serviunos tamén  en ambos casos para lembrarlle ás máis cativas as partes das árbores, e incluso para ver como nacen, grazas a algunhas castañas xerminadas que tamén levaron para as aulas, e así seguir vendo todo o proceso até que cheguen a ser como as árbores que prantaron hoxe.

Foi esta unha actividade ben divertida para pequenos e maiores, que nos serviu para seguir avanzando a prol da conservación dos nosos bosques autóctonos e sobre todo do coñecemento dos mesmos.

Pero as Xornadas de Interpretación dos Bosques 2019 non remataron, e o vindeiro sábado día 23 terá lugar a última actividade que consistirá nunha ruta para coñecer o entorno do Río Bardoso no concello de A Laracha, e o bosque da Berbia en Entrecruces, no concello de Carballo. Ambos lugares teñen unha forte importancia ecolóxica , e son unha gran fonte de vida que serve como refuxio para a nosa fauna, e nos permitirán disfrutar deles un ano máis.

Se aínda non te apuntaches, aínda estás a tempo de facelo, podes realizar a inscripción antes do xoves 21 en Protección Civil (polas mañás de 10:00 a 13:00) ou o xoves (17:00 a 20:00) no Espazo da Natureza de Oza.

Quedas convidado a participar nesta actividade que percorrerá uns lugares ben fermosos, e que coñezas de primeira man a importancia dos nosos espazos e as problemáticas ás que se enfrontan a diario.

Esperámoste!

Día da Árbore 19 A Agualada 2

Prantacións Nos Coles 2019

Flickr Album Gallery Powered By: WP Frank