Antigas pegadas de Soneira

Antigas pegadas de Soneira

Terras altas de Soneira 9ªPR

Despegamos cara o ceo despois de saír da férveda do Rabiñoso, nas rampas costentas das ladeiras de Meda.

Nace brincadeiro o río da Ponte ( río grande na sinalectica). As brañas de Vilar Ramilo crean o río de Soneira e difuminan as liñas que delimitan as tres parroquias, dos tres concellos, das tres comarcas: a de Xallas, a de Soneira e a de Bergantiños.

O Rabiñoso é un salto ben coñecido en Senda Nova. Percorrido en varias andainas anuais. Referencia concreta dende que o profesor Evaristo nos marcou no mapa, en negriña e maiúscula, o espazo especial de berce e agarimo. O seu espazo.

A pesares deso, dentro dos corenta participantes eran maioría os que non escoitaran de preto escartarse a auga contra as rochas.

Gardáronse as cámaras e puxemos rumbo a Meda. Parando nos pechamentos de monte que recolleron, nalgún tempo, as bestas libertarias da asociación O Santiaguiño de Carreira.

O toxo gaña a partida no monte e a seria ameaza dos incendios cae a carón dos eólicos. Nin rastro de équidos, nin rastro da vida axitada dos cabalos correndo. Nin rastro de indicios do gran depredador.

De momento, o patrimonio megalítico mantense igual. En malas condicións. Sen ter visitas pero servindo para achegarnos ao enorme patrimonio arqueolóxico da parroquia de Gándara.

Evaristo, como sempre, marca o ritmo da palabra interpretativa chea de ilusión. Diante como bo anfitrión, desgranando e parando en puntos impensables con contidos espectaculares: Torres de Surribado, Castro da Cruz, Agra da Cruz, Castro de Vilastevez, Igrexa de Gándara… Impresionante o catálogo de vestixios nun pequeno territorio que percorremos en curva e contracurva.

Ó chegar ao museo do liño de Carreira é como un resumo de todo canto levamos visto, pero co agarimo da presentación do presidente da Asociación de Veciños O Santiaguiño e o trasfondo do esforzo da veciñanza para conseguir tantos obxectivos en tan pouco territorio.

Sempre saímos co exemplo ben claro da entidade e cos folgos para os últimos quilómetros de ruta intactos.

Deste xeito rematamos en Follente. Tres parroquias percorridas do concello de Zas do xeito máis minucioso.

Grazas á asoc. de veciños o Santiaguiño de Carreira.

Grazas ao Concello de Zas.

 

Terras Altas De Soneira 9ªPR

Flickr Album Gallery Powered By: WP Frank