Tras o legado de Francisco Bernis nas Sisargas.

Tras o legado de Francisco Bernis nas Sisargas.

O pasado sábado achegámonos ao Concello de Malpica para gozar dun avistamento ornitolóxico da man de Álvaro Barros, doutor en bioloxía e membro da Sociedade Galega de Ornitoloxía. A actividade comezou ás 17:00h, cando o grupo se reuniu no centro da vila para partir a pe cara Santo Hadrián, o lugar dende o cal realizamos o avistamento.

A actividade celebrouse no eido dos actos conmemorativos do 70º aniversario da visita do prestixioso ornitólogo Francisco Bernis ás Illas Sisargas e dentro do programa de verán de Senda Nova.

Xa en Malpica gozamos das explicacións de Álvaro, e de Xose Manuel Varela, os cales nos situaron na historia da vila e das illas, e nos adiantaron información do que iamos observar durante o percorrido  e durante a observación. Explicáronnos a importancia que tivo a nivel científico a visita de Bernis anos atrás e toda a nova información  que se descubriu grazas as súas dúas visitas.

O percorrido a pe transcorreu tranquilo entre a brétema e o son do mar. Álvaro e algúns participantes como Sergio París, membro tamén da SGO, contáronnos durante o percorrido anécdotas escoitadas e experiencias vividas nas Illas Sisargas durante as  visitas e estudos das mesmas. E, en pouco máis dunha hora, chegamos a Santo Hadrían, onde nos agardaba Adrián cos equipos ópticos a través dos cales realizaríamos o avistamento.

Pequenos e grandes observamos a través dos prismáticos e os telescopios diferentes aves que fomos divisando nas illas: gaivotas, cormoráns, choias, mascatos pescando… diferentes imaxes e escenas que non deixaron indiferente a ninguén, que  abraiaron a nenos e adultos. As explicacións de Álvaro sobre cada especie que iamos divisando axudaron a comprender mellor o comportamento e movementos que estabamos a observar, e a entender as dificultades ás que se enfrenta a avifauna a diario. Tamén nos falou doutras especies que antes abundaban nas illas como o Arao e que por diferentes circunstancias agora mesmo non queda ningún exemplar. Tamén de especies menos comúns que podemos observar noutras épocas do ano como no inverno, cando especies do norte de Europa migran cara o sur, tendo a nosa costa como lugar de paso.

Ás 20:00h recollemos o material e dispuxémonos de novo a baixar cara Malpica, gozando das fermosas vistas que a agreste costa nos ofrece e do cómodo paseo até a vila.

A actividade rematou entorno as 21:00h, en Malpica, no mesmo punto no que comezamos. Unha xornada chea de aprendizaxe e de novos coñecementos que lle temos que agradecer fondamente a Álvaro Barros por todo o que nos ensinou e  pola boa predisposición a colaborar con esta actividade dende fai meses. Tamén a Xosé Manuel e a todxs xs participantes que nos acompañaron durante a xornada e que aportaron coñecementos e experiencias.

Agradecerlle tamén a colaboración ao Concello de Malpica, e como non, a todxs xs voluntarixs da entidade que fan que esta e o resto de accións sexan posibles.

Seguimos avanzando neste Verán ao Natural 18. Vémonos de novo este xoves coa seguinte actividade que terá lugar en Rececinde, coa proxección nocturna do noso filme “Hoxe quen Baila?”.