Un día baixo a ollada do gran Monte Neme.

Un día baixo a ollada do gran Monte Neme.

O VI Outono en Marcha segue a percorrer as aldeas con futuro da nosa contorna. Desta vez tocounos ir visitar o gran monte que sempre nos está vixiando dende calquer punto de Bergantiños que te atopes. O Monte Neme.

Nesta semana  xa comezamos coa preparatoria a súa visita o mércores, coa presentación de dito roteiro, e o xoves co documental “A luz do negro”, ámbolos dous días dende o Espazo da Natureza de Oza. E como non podía ser doutro xeito, a liña de saída marcouna a igrexa de Oza, onde puidemos contemplar o espectacular retablo de época barroca co que conta. Situada, esta igrexa, atópase no lugar  da Torre, do que a día de hoxe só quedan unas murallas exteriores do que fora nun tempo pasado.

A mañá transcorría xeada, mentres dábamos co acubillo da casa de Elena e Roberto, na que nos ensinaron con moito agarimo como construíron a súa casa con métodos de bioconstrucción,  como é o barro.  Puidemos aprender que non hai nada mellor que para arremedar do frío que ter a casa ben aillada e ter unha galería ben orientada ao sur e unha cociña con dobre combustión ou tamén chamada “cociña Rusa”, para manterse quentiño en días tan fríos coma o que tivemos nesta xornada. Agradecémoslle unha vez máis que nos invitasen a coñecer outros métodos máis ecolóxicos e respetuosos co medio.

Alí no Rodo tamén paramos a divisar o castro de mesmo nome que o lugar, e no que puidemos comprobar moi ben o seu pechamento exterior.

Xa en Nétoma collemos folgos para subir a considerable costa que nos separaba do Monte Neme, e alí os máis de 30 participantes se dispuñan para afrontar o reto e acabar de espantar o frío que seguía calando nos nosos ósos. E antes de alcanzar a cima paramos nas casas das minas, onde dende a imaxinación de cada un nos puidemos somerxer no que debeu ser aquel lugar na época da extracción do volframio e todo o que podía supoñer ter unhas minas dese calibre ó lado da casa.

E xa por fin no cumio nos esperaba A Eira das Meigas ou círculo lítico, onde ó carón del nos reunimos para resaltar os valores naturais, culturais e paisaxísticos do fermoso e potencial Monte Neme. Hoxe tamén contabamos con Adrián, amante de dito monte e precursor da “Plataforma pola defensa de Monte Neme”.

Dende os 385m que coroan o Monte Neme divisamos unha das mellores balconadas de Bergantiños, no cal grazas ao día despexado co que contabamos deleitámonos cunha panorámica perfecta da comarca de Bergantiños, e mesmo das limítrofes.

Despediámonos de tan magníficas vistas e de concello pois poñiamos rumbo cara Cambre. Alí, e despois dun frío pero ben agradable día, entre compañeiras e compañeiros, chegábamos ao rego do Rias e diciámoslle deica logo a esta aventura que está a piques de rematar.

Xa no autobús nos afastabamos do gran monte, mais el nunca nos deixa de quitar ollada, e ben seguro que no día de hoxe a gran deusa Nemeth estivo ao noso coidado, como nós estaremos por ela. E entre todas e todos conseguiremos ter un Monte Neme protexido e conservado.

 

Tras As Pegadas Do Volframio- 6ºOM

Flickr Album Gallery Powered By: Weblizar