Vía Alcaianus e a benvida ao VI Outono en Marcha

Vía Alcaianus e a benvida ao VI Outono en Marcha

Vía Alcaianus 2017

O estoupido de saída e a benvida ao novo cambio de hora e ao 6º OUTONO EN MARCHA marcouno este pasado domingo día 29 Vía Alcaianus. Roteiro no que seguimos os pasos dunha antiga vía romana chamada “per loca marítima” do século I e que nos guiou dende Alcaián ata Carballo.

En Alcaián recibiunos unha escasa lagoa, pois o período de secas que estamos a vivir deixounos ver tan só un charco de auga no medio dun chan arxiloso e falto de humidade. Con isto puidemos corroborar se era certa aquela lenda sobre esta lagoa que conta que nela estaba afundida a aldea de Alcaián como castigo por non darlle pousada a Xesucristo e a san Pedro.

Coma todas, pois ese é o seu obxectivo, a camiñada tivo diversas e variadas paradas interpretativas. Neste caso, a maioría de carácter cultural e paisaxístico, máis tamén nos dou para reflexionar dende o punto de vista ecolóxico, pois unha das fermosas corredoiras cubertas por especies autóctonas este ano nunha parte xa non contaba con elas. Os donos dos montes contiguos decidiron esquilmalos e non deixar nada neles, mais decidiron botar restos de maleza no camiño, o que nos impediu pasar por el nun tramo.

Aínda así, puidemos gozar dun anaco de corredoira aínda conservada que nos levaría ata o castro de Arixón, coñecido tamén como Castro das Croas ou de Puga, o cal conta cun antecastro duns 15m de lonxitude na parte norte. Este ano tivemos a sorte de poder entrar nel, xa que o mantiñan limpo e puidemos contemplar unhas vistas espectaculares do concello.

O día continuaba e con el as paradas: o Pazo de Arixón, cada ano con menos vida e pedindo que as historias e a vida que albergou non se quede en tan só un recordo; Cerqueirás, no cal atopamos o típico cruceiro de camiño; a Ponte Lubiáns, de construción medieval, aínda que ten unha orixe romana na súa cementación; e ao seu outro lado recíbenos Cernide, a aldea natal da capital de Bergantiños. En Carballo xa, deunos tempo a pasar pola Brea e ver o peto de ánimas que alí teñen ao carón do centro social, e no que nun tempo atrás presentaba cor. E para dicirlle adeus a un solleiro día de ruta, pasamos polo bosque do Añón, no que os máis de 30 persoas poñían fin a primeira das 6 rutas deste outono.

 

Vía Alcaianus 2017

Flickr Album Gallery Powered By: WP Frank