EU CAMIÑO, EU ESCRIBO pretende incentivar a labor creativa literaria inspirada nas vivenzas de cada unha das actividades que desenvolvemos. Nace co obxectivo que os e as participantes conten a través da lingua escrita a forma que viviron cada actividade. O programa desperta gran interese pola forma tan diferente que ten cada persoa de resumir unha mesma xornada.

Poden participar no programa todos/as aqueles/as que foran participantes dalgunha proposta da entidade. Deben enviar a través do noso enderezo electrónico sendanova@hotmail.com ou a través da nosa páxina do facebook os textos correspondentes dun máximo de tres páxinas. Os textos serán publicados no facebook e nesta web.

Na Festa do Bosque escollerase (en votación entre todos os asistentes) o gañador/a do mellor texto e levará un premio sorpresa.


O MEU MUÍÑO

Se fora máis guiado, seguro que meu pai non me tiña ofrecido nada, pero ofreceumo. Xa entendedes que non o era.

Aquel día díxome que se lle tornaba as vacas para que entraran na leira, que me facía un muíño. Torneille das vacas e fíxomo.

Dun nabo cortou unha rodaxa que facía un círculo perfeto. Lémbrome que, cunha navalla,  lle fixera uns cortes arredor. Despois colleu un pau e atravesou con el a rodiña xusto polo centro. Enriba dunhas pedras e, no regueiro que baixa do castro, colocoume a rodiña con coidado.

Eu era un neno e lémbrome que quedei abraiado como aquela anaco de nabo podía dar tantas voltas e voltas e voltas. Suspiraba cada vez que o poñía.

Rematou por desgastarse a roda no seu perímetro e meu pai volveu a facerlle cortes para que a auga voltara a facer forza nel. Era o entremento preferido que tiña naquel tempo, ver rodar o meu pequeño muíño.  Ata que acabou por romper.

Ao ver o que me gustaba, meu pai fíxome un de madeira. Unha rodiña perfeta algo máis grande que a de nabo e cos dentes feitos tamén coa navalla. Fixome un soporte mellor e o muíño xa quedaba alí máis tempo . Pero os dentes acabaron desgastándose. Eran moitas as voltas que daba o meu muíño.

Despois, á mesma roda voltamoslle a facer cortes, e para que duraran máis, puxémoslle unha anaquiño de goma das zocas en cada un dos dentes. Deste xeito a auga caía de cheo na goma e non na madeira. Fora un invento grande porque a partir de ahí a cousa xa funcionaba mellor, moito mellor.  O meu muíño era o meu xoguete, o meu pasatempos, o meu orgullo e o meu pensamento. Sempre argallando cousas novas para el, sempre intentando mellorar.

Lémbrome cando, depois dun tempo, fixen eu mesmo as melloras correspondentes.  Se facía unha roda máis grande, de xuro que daba menos voltas e se gastaría menos. Se enriba atopaba madeira de carballo para fabricala, duraría moito máis.   Mans á obra: Fixen e fixen… e rematei o traballo tal como tiña pensado.

Mellorei con pedras maiores o asentamento do rodicio e,  para que a auga caera sempre do mesmo xeito, fixen unha canle con cortizas de castiñeiro. Ao poñer as cortizas, traía a auga dende un pouco atrás e facíaa caer xusto nos dentes da roda, que xa era de carballo.

Dinme conta que se colocaba cunha marralla e un pau un cascabel, o meu pequeño muíño soaba e soaba ao son do ferriño.

Así facía.

Acórdome perfetamente que a xente do lugar estivo un tempo indignada. Contaban que un rapaz moito maior ca min, pasou de noite pola corredoira que está arriba do muíño despois de vir das mozas. Parece ser que sintíu un cascabel soar no fondo do regueiro, escondido entre as árbores e dou zapatilla a máis non poder por pensar que se atopara coa pantasma. Eu mesmo á saída da igrexa sentira falar que había xente á que se lle daba por sacar a cortiza dos castiñeiros. Ameazaban incluso. Pero eu non dixen nin pío, calaba porque sabía que xusto a onde estaba o meu muíño non ía chegar nunca do escondido que estaba.

Pasaron anos, non me lembro cantos, pero xa era rapazote cando meu pai decidiu construir un muíño. Un de verdade. Dos que moen. Dos de teito, dos que soaban de verdade.

Un canteiro era o encargado de facelo e, entre meu pai e máis el, decidiron o sitio perfeto para colocar a construcción. Para a miña desgracia, o lugar elexido non era o mesmo sitio onde, o meu pequeniño muíño dera tantas voltas, senón outro segundo eles, moito máis apropiado.

Non me lembro como nin porque (sería porque xa era terco ou porque aínda era terco) pero acabaron facendome caso e construindo o muíño xusto no espazo onde eu lles dicía, onde tantas voltas dera o meu. Fixéronlle caso a un rapazote que tan pouco sabía.

Aínda hoxe vemos que o rego leva moi pouca auga para mover un muíño e que houbo que facer unha presa para acumular.

Cando meu pai fixo a partixa díxenlle que o quería e quedoume para min.

Hoxe xa paso de oitenta anos e sigo coidando del, que funcione e que siga moendo como nos mellores tempos. Que siga cantando ese son tan fermoso. Sigo enchendo a presa, moendo con el para as vacas…todo o que faga falta.

Pero non sei que pasará co meu muíño cando eu morra…

 

José M. Menéndez
8 de outubro de 2014
Conversas con Xesús de Regueiro (Aldemeunde), dono dun dos poucos muíños en funcionamento de todo Bergantiños