Revista “Abrindo Camiño”

Abrindo Camiño, foron os Días de Ecoloxía e Patrimonio cos que, hai menos dun ano, quixemos celebrar os dez de existencia de Senda Nova. As xornadas celebradas no Mercado Municipal de Carballo xuntaron de xeito expositivo as diferentes áreas nas que a entidade vén traballando durante este tempo, e que teñen como nexo a posta en valor do patrimonio ambiental e cultural das comarcas que compartimos.

Revista "Abrindo camiño"

Certamente, o traballo diario durante estes anos permitiunos o contacto directo con entidades de moitos tipos, as máis, as que dende cada unha das parroquias se encargan de dinamizar os pequenos espazos no que está dividido o territorio. Aínda así, xuntarnos unha morea delas nesas xornadas, supuxo poñer enriba da mesa valores e carencias que moitas veces compartimos a maioría duns colectivos que avaliamos de conxunto a necesidade da colaboración continua entre asociacións, e que é preciso mantermos como un importante motor da dinamización rural a partir da posta en valor dun dos maiores activos que temos: o noso patrimonio.

E con isto nace esta humilde publicación. Coas ganas de xuntarnos e de visibilizar uns esforzos máis escuros do merecido, de entidades e movementos a prol dun territorio cheo de espazos para protexer, de actividades realizadas, de valores escondidos que necesitamos descubrir.

Agradecemos ás empresas que nos axudan con estas follas, ao entender a nosa filosofía de querer apoiarnos só no pequeno comercio e no comercio sostible para saír adiante con esta publicación. O encaixe non é fácil cando se trata de iniciativas novas que marcan a traxectoria da actividade económica nunha filosofía definida.

As grazas esténdense a todos e todas as que tedes letras ou fotos propias nunhas páxinas que pretenden vertebrar en diferentes seccións, apartados que se centran no noso patrimonio e na dinamización rural das comarcas de Bergantiños e Soneira.

Grazas a Rebeca Blanco, a Nel Vidal e a Breo de PositiBos por todo. Grazas a cada un dos voluntarios e voluntarias de Senda Nova por espremer minutos, días e horas en cada unha das máis de 60 actividades que espallamos en cada ano.

Jose M. Menéndez

 


 

 

Navegando nesta web estarás de acrodo co uso de cookies. Máis información

The cookie settings on this website are set to "allow cookies" to give you the best browsing experience possible. If you continue to use this website without changing your cookie settings or you click "Accept" below then you are consenting to this.

Close