Deseño de roteiros

Por que?

A premisa principal da entidade e dos membros que a fundan é a protección do patrimonio. Dende que comezou a camiñar, un dos maiores traballos que se desenvolveu na entidade foi o deseño de roteiros. Varias persoas traballaron con obxectivos idénticos na procura de itinerarios que tiñan como meta xenérica e común a protección do amplo patrimonio natural, cultural e paisaxístico que temos preto da casa, tentando conseguilo a través do coñecemento e a posta en valor do mesmo.

Tanto o territorio de Bergantiños como as comarcas limítrofes de Soneira, Ordes e Santiago albergan una cantidade importantísima de vestixios históricos dun grande interese cultural como mámoas, dolmens, pontes antigas, castros, pazos, arquitectura relixiosa…, moitos deles nun estado de abandono extremo e, nun gran número de casos, nin sequera coñecidos pola meirande parte da poboación local. Á par de todo este patrimonio cultural,  posuímos unha gran riqueza natural que soubo resistir ata os nosos días: cauces fluviais, humidais de auga salobre e doce, bosques autóctonos… E tamén un gran patrimonio  paisaxístico: as nosas costas, os penedos, férvedas, montes emblemáticos…

Neste territorio rural habita  xente maior que aínda conserva antigos oficios, arcaicas lendas e que é capaz de relatar a voz da historia recente. Ao lado, entidades veciñais e culturais.

que dinamizan a vida rural, contribúen a seguir mantendo poboación no rural e que esta coñeza e valore a cultura e o patrimonio material e inmaterial que os nosos antergos transmitiron xeración tras xeración.

Este patrimonio arquitectónico, histórico, natural, paisaxístico e etnográfico vertébrano os antigos camiños. Estas vías teñen, en moitos casos, unha orixe ben antiga: as antergas vías romanas, os camiños reais… e servían de nexo entre as distintas aldeas e lugares. Baixo o culto ao asfalto aínda quedan hoxe en día tramos sumamente interesantes, dende o punto de vista histórico e paisaxístico, que nos ofrecen antigos muros de pedra e especies autóctonas enmarcando os fondos pasos. Son as nosas corredoiras.

Como se traballou

Con toda esta base perfectamente definida na cabeza e no corazón, un grupo reducido de persoas comezamos  o traballo, percorrendo en coche, en bici e a pé a xeografía de Bergantiños e as comarcas lindeiras. Tratábase de facer uns traballos que conxugaran todos os valores citados anteriormente e, ademais, conseguir darlle a cada un dos percorridos unha personalidade propia, de facer cada un deles dentro dun territorio común e cun estilo de seu.

O custe en tempo e sobre todo o custe económico fai que fora inasumible para asociación polo que cada unha das persoas que fan o traballo de campo asumen eses custes e, sobre todo nun principio, tamén aportan o material: Coches, desbrozadoras, gabillos…etc. co pago do recoñecemento da súa labor nos materiales editados e na publicitación dos percorridos  e máis aínda: Coas camiñadas organizadas polos treitos traballados.

Os recorridos deseñados tiñan, pois, a premisa de unir por antigas corredoiras o patrimonio citado. Pero nada de todo este traballo tería sentido sen a súa dinamización.

Dinamización

Chegamos á conclusión na entidade de que ningún destes traballos acadaría o obxectivo desexado da protección e valorización do noso territorio e do noso patrimonio sen a difusión e dinamización dos proxectos realizados.

A dinamización de cada un dos traballos viría dada por programas de andainas que percorreran a pé (algunas veces tamén en BTT) as diferentes rutas de sendeirismo deseñadas.

A PRIMAVERA EN RUTA e o OUTONO EN MARCHA son os dous grandes proxectos que integran a dinamización de cada un dos percorridos. Coincidimos en que  desenvolvelos dun xeito interpretativo, aportando coñecementos en cadia unha das paradas da camiñata, e fomentando a participación dos camiñantes en cada unha das actividades era o único xeito de avanzar na potenciación do coñecemento e da valorización do noso patrimonio.

Coincidimos na entidade en que a dinamización íntegra de cada un dos traballos e o método para acadar os obxectivos dun xeito máis eficaz baséabanse nunha serie de condutas:

  1. A realización dos percorridos cun volume de xente que permitira unha certa repercusión da actividade, pero sempre coa premisa de non interferir na natureza e de sermos responsables no medio natural. Deste xeito, fanse charlas e repartese material gráfico  dos programas de dinamización por colexios, concellos, institutos, entidades e outros colectivos.
  2. A implicación da poboación local: cada un dos traballos é presentado por primeira vez no entorno rural por onde vai pasar, contando nesta tarefa coa colaboración das entidades veciñais e culturais locais. A presenza de persoas maiores nos propios lugares por onde pasa a ruta e a predisposición a colaborar coa actividade, sendo os propios veciños da aldea os que, o día da actividade, lles transmiten oralmente aos camiñantes todos os seus coñecementos sobre o patrimonio do lugar.
  3. A realización de material gráfico propio de cada un dos percorridos, dándolle unha personalidade propia a cada traballo. O material repartese nos concellos, centros de ensino  e locais das entidades veciñais por onde transcorre o roteiro e tamén aos camiñantes que realizan a actividade.
  4. Integrar máis obxectivos na mesma actividade: o sendeirismo, como actividade deportiva; a  realización das actividades cun marcado espírito de convivencia; o compañeirismo nas marchas, acrecentado polo desenvolvemento das mesmas con calquera tipo de climatoloxía e a súa peculiariedade por mor do cruce de cauces fluviais, lama nas corredoiras, etc.;  ou o longo tempo (actividades dunha xornada enteira, con comida de bocadillo en ruta), son algunhas formas de conseguir obxectivos secundarios que sumen afluencia nas andainas.
  5. Un traballo organizativo que permita a maior atención loxistica e interpretativa posible  nas actividades por parte dos voluntarios e voluntarias da entidade, claves na elaboración e desenvolvemento dos programas de dinamización. Destacar o labor interpretativo de persoeiros importantes con coñecementos extraordinarios da nosa xeografía que enchen de contido cada actividade.
  6. A colaboración por parte de diferentes persoas e entidades. Para iso resultaba de vital importancia establecer unha forte cadea de axuda na propia sociedade sociedade,  e nos seríamos os encargados de unir esas forzas: persoal voluntario da entidade, concellos, persoeiros interpretadores, entidades culturais e veciñais, Protección Civil (sobre todo agrupación de Carballo) e participantes.  O noso agradecemento a cada entidade, a cada persoa e a todos e cada un dos elos que compoñen esta forte cadea.

 

 

Navegando nesta web estarás de acrodo co uso de cookies. Máis información

The cookie settings on this website are set to "allow cookies" to give you the best browsing experience possible. If you continue to use this website without changing your cookie settings or you click "Accept" below then you are consenting to this.

Close