Achegábase a hora de saída e con ela as ansias por compartir unha velada con compañeiras e compañeiros de andaina; de camiñar baixo a noite e ver a pegada dalgún habitante dos montes de Meda.
Chegamos ao pé de Pico de Meda, a un tesouro fermoso moi ben agochado. A férveda do Rabiñoso, lugar que se atopa nos lindes de Zas con Coristanco. Alí os 20 participantes puideron escoitar a historia tras esa férveda da voz de Evaristo, e ser punto de partida da actividade.
Ao remate das verbas de Evaristo, e xa coas mochilas ás costas, dispuxemos rumbo o alto de Pico de Meda e comezamos a subir con paso firme e rápido. A pronunciada costa que nos separaba do cumio non foi un impedimento para reducir a marcha, e as ganas por divisar unha das balconadas máis fermosas da Costa da Morte alentaba ese paso e mitigaba o desnivel a subir. Mais con cada paso que dábamos achegábase pausadamente unha espesa néboa. Unha vez arriba foi imposible ver nada, pois atopámonos de cheo cun aclima galego moi típico a pesares de ser xullo. A néboa. Rodeaba todo e pouco máis podiamos ver que o camiño que nos levaría ata o lugar de pernocta.
Seguimos camiñando e o ceo comezaba a escurecerse. Non eramos quen de percibir nada máis aló duns poucos metros, nin tan sequera os fungantes xigantes de vento que nos acompañaron durante toda a actividade.
Pouco ou nada puidemos divisar ao noso redor gran parte do percorrido, pero canto máis nos achegábamos o noso destino, atrás das nosas pegadas ía quedando toda esa néboa.
Unha intensa lúa chea foise facendo paso no cuberto ceo e comezamos a ver as primeiras estrelas da noite. Era o momento para meternos de cheo no medio no que estábamos, de facer unha parada de 4 minutos na que deixábamos voar todos os sentidos e nos mergullábamos no medio de cheo. Foron 4 minutos nos que puidemos deixar atrás a realidade e sentirnos como outro habitante máis do monte. Foi unha parada na que tamén houbo tempo para desmitificar esa figura do lobo tan pouco apreciada e, para recordar, que este ano os montes de Meda xa non contan ca vida dos cabalos salvaxes que habitaban ata fai ben pouco estes montes e que contribuían a conservación deles. Agora xa só quedan as pegadas de que algunha vez os houbo; tan só quedan ósos.
E desexando atopar algunha estrela fugaz, atopamos a Osa maior, e de seguido, a Estrela Polar. Unha vez situados puidemos seguir o noso rumbo ata a fonte de auga milagreira de San Roque do Monte e ata a tan ansiada e fermosa carballeira que nos ía dar acubillo esta noite.
O percorrido rematou, máis aínda nos quedaba a cea conxunta e os contos á luz do gas en boa compaña e baixo eses carballos que nos primeiros anos de roteiro eran tan só unha vara fina e, que co tempo foron collendo porte.
O esgotamento foi facendo oco entre os participantes e pouco a pouco fómonos retirando.
E quen sabe se tras toda esa néboa, ou mesmo naquela fermosa carballeira, non nos estaba a espreitar algún habitante do monte e non estivo a seguir as pegadas que deixábamos tras de nós.
Pegadas que seguiremos deixando, pois aínda nos queda moito por percorrer.