Ruta das Mámoas: lazos de amizade dende o interior

Ruta das Mámoas: lazos de amizade dende o interior

 

Os lindes entre concellos, comarcas, estados ou provincias son , en moitas ocasións, dos lugares menos coñecidos das mesmas. Os territorios a cabalo entre dúas comarcas irmás como Bergantiños e Soneira ,son neste caso parroquias do interior profundo do concello de Cabana de Bergantiños. A fronteira administrativa dos concellos establécese facilmente mais as comarcas naturais  de Bergantiños e Soneira decidiron aquí difuminar a colleita estreitando lazos de amizade.

O interior profundo das parroquias cabanesas de Nantón e Rioboo mesturan paisaxe e tipoloxía de cabazos. Agras e sociedades.

A Ruta das Mámoas vai propoñendo un itinerario que descobre o que queda dunha maxia megalítica que resiste os envites de estradas, autopista e maquinaria pesada en mans da inconsciencia. Máis alá de fermosas e solitarias iniciativas de cambiar eucaliptos por castiñeiros, o panorama do estado actual en comparación co de fai décadas é visiblemente desolador. Poucas son as mámoas que non están deterioradas. Isto contrasta coa riqueza dun territorio que, xusto aquí e en pequeno espazo atopou acubillo a unha das maiores concentracións de mámoas das nosas comarcas. Salta á vista á simbiose espacial cos petróglifos, todos eles practicamente tapados polas plantacións de eucaliptos.

Non é a única especie exótica que ameaza. Á vista está a invasión de acacias. Cada ano máis pechando e sombreando o territorio a unha velocidade espantosa. Colonizando todo tipo de espazos, incluso as marxes fluviais.

Seguen a quedar recunchos na beira destes ríos protexidos por vexetación autóctona, entre ela as abeleiras. Sen dúbida que nos ven á mente o recuncho que precisamente leva o nome da árbore. Estes muíños do Abelá son un fermoso cadro co marco do rego que pouco máis abaixo forma unha das ubicacións máis apaixonantes de todas por cantas pasamos: o pozo da Orca.

É salientable a importancia deste río. En efecto, en poucos metros atopamos patrimonio, paisaxe e un fento,  o woodwardia radicans, que solo acepta espazos de prestixio como este para establecerse.

O camiño faise costa para chegar á castro e capela de Folgoso, e tamén para descansar na plácida aldea de Rioboo. Na coidada igrexa atopamos un dos retablos máis fascinantes de todos cantos visitamos. Sinxelamente é espectacular vendoo unha e trinta veces. Mais a construción gardanos tamén a sepultura de persoas importantes da linaxe dos Bermudez de Castro e tamén a xoia románica do S XII en forma de arco, capiteis e columnas da sacristía.
O recinto relixioso está enmarcado na propia aldea de Rioboo, un enclave de conto con numerosos cabazos e unha coidada arquitectura que se mantivo grazas a sensibilidade dos seus habitantes. Demostrado queda que tiña que ser precisamente aquí onde se celebre cada ano a feira medieval, que saca orgullo, traballo e dinamización rural a través da entidade veciñal. Sen dúbida unha actividade que pon en valor a historia local tan relacionada coa Torre da Penela.

Precisamente esta torre foi o punto e final da andaina. Unha torre en horas baixas en canto ao mantemento que segue a pedir a gritos unha actuación urxente.

E antes de marchar a visita á fonte da Penela. Outro exemplo de recuncho fluvial que ten como pía un sepulcro antropomorfo posiblemente de orixe suevo.

De novo unha aprendizaxe continuada dentro desta XI PRIMAVERA EN RUTA. Unha viaxe ao interior en forma de coñecemento e esforzo d@s participantes. Vai as grazas a tod@s el@s, á implicación dos concellos colaboradores e aos colectivos do Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte  e ao Centro social Gomes Gaioso da Coruña pola participación na actividade de hoxe.

 

XI PR Ruta Das Mámoas

Flickr Album Gallery Powered By: WP Frank