A pesares dunha metereoloxía de choiva, unhas 150 persoas foron as que se achegaron a un programa de coñecemento do entorno a través das camiñadas, e que cumpriu seis dinámicos anos. O destino foi sempre a contorna local no amplo obxectivo de manter cada un dos roteiros deseñados con vida e, deste xeito camiñalos de xeito paseniño, unha vez por ano.
Aínda así, nesta 7º edición tiñamos unha sorpresa que non deixou de ser sorpresa por agardada. A data do día 2 de decembro estaba marcada. Dende os meses da primavera tiñamos o punto de mira nas Fragas de Catasós. O destino non puido ser conquistado no seu momento polos efectos climatolóxicos, pero neste outono e firmes no noso compromiso, conseguimos rescatar a idea da viaxe como peche a un programa do 7º Outono en Marcha pasado por abondosa auga.
A viaxe pretendeu coñecer o espazo e o Monumento Natural das Fragas de Catasós mais, quen nos coñeza, sabe da nosa manía por establecer conexións coa paisanaxe e coas entidades locais do noso entorno rural. Sen dúbida coñecer á xente de Salvemos Catasós e o traballo desenvolvido polo colectivo no seu tempo de vida, era tamén un dos principais obxectivos da visita á comarca do Deza. Por suposto non defraudou.
Puidemos comprobar de primeira man, a través dun fermoso percorrido de 8 km, as fragas e os soutos que enmarcan o espazo físico onde traballan desde Salvemos Catasós. Tamén outros colectivos como Roteiros de Lalín, que utilizan o bosque autóctono na posta en valor do patrimonio a través das andainas.
Tamén nos achegamos á economía tradicional, cunha visión de cerca ao que representa nas familias a recollida da castaña nestes espectaculares soutos. A venda da variedade da castaña local representa unha axuda económica moi importante que repercute seriamente nas economías familiares. Sen dúbida, o monocultivo de eucalipto non pode competir económicamente co aproveitamento dun bosque autóctono, que pode ser destino tamén, de actividades reguladas e sensibilizadas que permitan a interpretación patrimonial e paisaxística.
Sen dúbida, os colectivos locais teñen sobrada autoestima polo espazo e poden ser os encargados de espallar os valores de Catasós e da comarca do Deza a moitisimos dos que estamos interesados ou quedamos con ganas de profundizar na ecoloxía e a paisaxe da zona.
Para iso necesitamos espallar a figura de protección dun dos espazos boscosos máis impresionantes de cantos visitamos nas actividades de Senda Nova. Necesitamos seguir a traballar para erradicar por completo a ameaza da liña de alta tensión que segue a perseguir co machado os sentimentos do activismo con conciencia de Lalín. A ameazar os castiñeiros máis grandes de Europa.
A Senda das Capelas, as terras do Marqués, as Pegadas do Volframio, a Ruta das Férvedas, tiveron neste 6º Outono en Marcha un novo aliado no Deza: Catasós. Un percorrido que marcou aínda máis polo traballo, a transmisión de coñecemento e a hospitalidade dxs integrantxs de Salvemos Catasós. E vai para elxs a nosa gratitude no remate deste 7º Outono en Marcha.
Vai tamén, coma sempre, para os Concellos de Carballo e A Laracha por manter o compromiso nestas actividades, porque sen eles non sería posible. E vai tamén para a Plataforma en Defensa de Monte Neme e xs vuluntarixs de Senda Nova que, sen descanso, sementan tempo e esforzo.
Jose M. Menéndez