Caión, horas para a antiga vila baleeira.

Caión, horas para a antiga vila baleeira.

Camiños de Caión XPR 2

Camiños de Caión XPR 2

Caión, unha das vilas máis importantes deste recuncho da península.
Este sería un bo resumo da andaina que percorría os Camiños de Caión, nesta X Primavera en Ruta.

Un percorrido deseñado por Evarísto Domínguez Rial que se modificou para esta xornada a través do convite co Instituto de Estudos Bergantiñáns, que participou na actividade cun grupo de persoas que nutríu considerablemente un equipo total de máis de medio cento de camiñantes.

Camiños de Caión XPR 3

Camiños de Caión XPR 3

A frase tamén podería ser resumo da primeira intervención de contido, dende a capela dos Milagres e fronte ao miradoiro que ofrece o outeiro onde se sitúa a construción. Foi Xan Fernández Carrera, presidente do IEB o que abríu a quenda de intervencións cheas de coñecemento para valorar precisamente a relación entre a vila mariñeira actual e a dos orixes e, como non, a relación entre os primeiros poboadores desta costa coa orografía e xeografía dunha zona atractiva para a agricultura. Foi esta circustancia a que forxou o establecemento das primeiras poboacións, algo máis lonxe do mar embravecido e a carón das terras máis fértiles, abrigadas lixeiramente do nordés e das peores xiadas de terras máis altas.

O clima suave acompañounos na primeira parte dunha xornada, e acabou alongandose a todo un día que ameazou choiva e ofreceu unha luz continua e especial reflexada nunha lagoa de Baldaio, que vimos en pranta unha boa parte do camiño. A primeira parte del caracterizouse por vesitixios vexetais que conflúen máis con climas mediterráneos. Aínda que o cerquiño (Quercus pirenaica) ou a carqueixa (Genista tridentata ) poden atoparte practicamente en todo o territorio galego, estas especies son máis frecuentes en lugares de climas máis amables e ben orientados ao sur. Como ben puntualizaba Antón Losada, efectivamente estabamos a camiñar na primeira parte da andaina por lugares abrigados do vento nordés e, ademáis, ben escondidos das xiadas interiores, desaparecidas da costa.

A terra farturenta pola que pisabamos tamén foi lugar escollido pola poboación castrexa. O castro de Constenla mostranos unha antiga aldea fortificada da época, coas impoñentes defensas que recollen un idílico espazo interior hoxe dedicado a pasto. A propia aldea de Constenla, na parroquia de Rebordelos recolle a testemuña do castro en épocas menos belicosas e establecese entre o monte e as agras máis fértiles, ben abrigada polos ventos fríos. Quen sabe se as máis antigas vivendas do lugar foran construídas coa propia pedra da construción prerromana.

O ecuador da actividade estableceuse na Pedra do Sal. Un topónimo desgranado, como tantos outros, por Fernándo Cabeza. A referencia estaría clara na impoñente rocha que se atopa no areal. Quedaría por comprobar se o topónimo viría a explicarnos  a referencia a unha veta branca de seixo na propoia rocha ou tamén a salinidade que permanecería nas propias cunhas da pedreira na baixamar.

O microtopónimo cercano das Saíñas, parece indicarnos polo segundo camiño, toda vez que a palabra parece vir tamén de “sal”.

O punto de inflexión tamén servíu para a comida e para bautizarnos no día coa fachada marítima. O percorrido restante fermoso e brincadeiro levounos por pistas e sendas a través da praia da Arnela ou do lugar de Leira, onde tamén existe unha praia fósil. O último tramo antes da vila mariñeira de Caión, ensinounos os caprichos da natureza onde o mar escaba na terra ata formar furnas de conto.

A vila foi de novo o remate dunha andaina chea de paisaxe. A espectacular igrexa ten a conexión histórica perfecta co mosteiro e o Pazo de Graxal. Un trío de arquitectura e historia que comparte cos antigos barrios da vila de orixe baleeiro. Falar dela daría para horas e horas de retraerse no tempo.

Grazas ao Instituto de Estudos Bergantiñáns.

Grazas ao Concello da Laracha.

 

Camiños de Caión XPR

Camiños de Caión XPR