A pasada feira dominical de Carballo acolleu un posto moi especial de venda de produtos agrícolas. Os integrantes da Escola Ambiental de Senda Nova-Concello de Carballo tiñan escrito no calendario este día tan especial. Un gran traballo en común para que todo o traballo de horta ecolóxica que veñen cultivando dende fai meses se vira reflectido nunha recompensa especial: a venda dos produtos na feira.
O posto da rapazada da Escola foi sen dúbida o máis novo de todos cantos se xuntaron o pasado domingo: allos, cebolas e sobre todo leitugas, acompañaron ao material informativo relativo aos proxectos de Senda Nova.
Moi interesante o aspecto comunicativo para as nenas e nenos, obrigados a soltarse a falar para expoñer a información precisa de quen son, porque están alí e que venden. Tamén relativa aos produtos, sen sulfatos nin abonos químicos. E é que foron numerosas persoas as que se achegaron ao lugar onde agardaban estes 20 nenos e nenas.
A visita á feira serviu tamén para saudar a todas as persoas que nos visitaron e nos seguen a través das redes sociais, así como tamén para facer unha pre-clausura dunha espectacular edición que agarda pola festa de fin de curso.
A Escola Ambiental Senda Nova-Concello de Carballo vai rematar a edición número 13 superando en ambición e participación a todas as anteriores. A rapazada comezou en novembro e, despois de case 30 sesións semanais, chega á clausura cos deberes feitos.
O vindeiro día 29 é o día sinalado para a festa de despedida. Atrás quedan excursións aos puntos máis importantes a nivel ambiental do concello e comarca, obradoiros de pegadas e indicios, aprender sobre a píllara, orientación…etc. E como non, o proxecto transversal no que tantísimo aprenden: a horta ecolóxica.
Mención especial son estas plantacións e sementeiras nun terreo que se duplicou este ano co dobre de espazo fora e dentro do invernadoiro. Aumentaron bancais, superficie cultivada e tamén número de especies. O coidado da horta supuxo un dos maiores esforzos dentro desta edición que se acaba e agrandouse ata ter un novo sistema de rego que mellora a calidade dos produtos.
PROXECTO AMBICIOSO
Non temos dúbida de que a Escola Ambiental é un dos proxectos ambientais para a mocidade máis ambiciosos da comunidade. A traxectoria continuada de todos estes anos e a mellora continuada da superficie de cultivo son uns dos principais valores.
Outra das razóns de peso é o aumento da participación e o compromiso das familias co proxecto, cun esforzo continuado de asistencia e apoio.
Cada ano son case 30 sesións de traballo cun volume importante de case 30 participantes, os mesmos durante todo un proxecto que convina excursións fora do Espazo da Natureza con actividades no propio centro. Un Espazo da Natureza que, agás as hortas e invernadoiros, non recibiu nengún tipo de acondicionamento máis que o que, de xeito doméstico, podemos realizar dende Senda Nova.
MELLORAS URXENTES NO ESPAZO
Cómpre adaptar de xeito urxente o Espazo da Natureza de Oza para poder acoller a maquinaria, ferramenta e outras necesidades do día a día da Escola e outras programacións da entidade. Todos estes anos avalan unhas melloras que agora non son urxencia senón emerxencia para continuar con estes proxectos.