Máis de medio cento de persoas xuntáronse no Espazo da Natureza de Oza para recibir a 13 edición da ESCOLA AMBIENTAL DE SENDA NOVA CONCELLO DE CARBALLO.
Á convocatoria asistiron socio e colaboradores da entidade, público en xeral e tamén as familias dos rapaces e rapazas que comezan unha nova xeira de actividades, e que acompañaron a estes no seu primeiro día de escola.
Ademais das instrucións de desenvolvemento desta nova edición, as familias puideron facer un repaso polas instalacións onde os seus fillos e fillas compartirán todos os sábados pola mañá ate o mes de xullo.
Deste xeito, observaron o invernadoiro, a aula formativa ou tamén as ferramentas coas que contarán os participantes do proxecto que este ano chega aos 13 anos co apoio do Concello de Carballo.
A Escola Ambiental segue a sumar participantes e a crecer en actividades, tendo como obxectivo principal aquelas que sirvan para coñecer o patrimonio ambiental, cultural e paisaxístico da contorna. Tamén se realizan actividades de achegamento físico ao medio, ensinando á rapazada o material e destrezas máis habituais nas saídas ao medio natural.
Ademais do Espazo da Natureza, as diferentes actividades viaxarán pola contorna a través de excursións para o coñecemento, obradoiros de follas ou pegadas ou pernoctas ao aire libre.
Máis info da Escola Ambiental: https://www.sendanova.org/escola-ambiental