A Asociación Ambiental Senda Nova prepárase para unha nova edición da Escola Ambiental Senda Nova, que promete acoller moitas sorpresas para as nenas e nenos que formen parte da iniciativa, e que comezará a funcionar no comezo do outono.
Aínda así, dende Senda Nova xa estamos a traballar na organización da nova edición do proxecto máis ilusionante da nosa entidade e, con el, das actividades que chegarán ata mediados de xuño do ano 2019, con actividades permanentes e semanais.
Coma sempre, os obxectivos primordiais son o coñecemento do entorno natural e o patrimonio cultural, en actividades de aula e tamén de contacto co medio, a través de accións ao aire libre que fomenten o espírito de convivencia e o coñecemento do material e os recursos.
Pero na 7ª edición haberá tamén moitas sorpresas. Entre outras serán as excursión para o coñecemento doutros lugares de interese ambiental en Galicia e o de proxectos similares serán unha das novidades máis importantes nesta nova andaina, así como un novo pulo ás actividades de contacto co medio e as accións para o fomento da agricultura ecolóxica dende os novos equipamentos do Espazo da Natureza de Oza.
Na nova edición tamén se primará o compromiso das familias para as que, coa mesma filosofía de anos anteriores, o esforzo económico será só de 30€ , e só para aquel@s participantes que prosigan connosco a partires de xaneiro. Para lograr realizar o tipo de actividades que desexamos, o número máximo de participantes para a vindeira edición será de 25.
Moitas familias estádesvos a poñer en contacto con nós para informarvos da Escola e a maneira de inscribirvos para esta 7ª edición que, como anos anteriores, acollerán rapaces e rapazas que cursen 3º, 4º, 5º e 6º dos colexios de Carballo.
Todas aquelas familias que desexen máis información da Escola Ambiental Senda Nova podedes poñervos en contacto con nós no mail asociacion@sendanova.org ou no tlf 611037614 / 636326083.
Agradecer a colaboración das familias e o Concello de Carballo. E sobre todo de vos, RAPAZADA!!
Quentando motores, sementando unha nova edición da Escola Ambiental Senda Nova.