A ESCOLA AMBIENTAL SUPERA O ECUADOR DA X EDICIÓN

A ESCOLA AMBIENTAL SUPERA O ECUADOR DA X EDICIÓN

días humidais 19 Baldaio 5

 

A ESCOLA AMBIENTAL DE SENDA NOVA-CONCELLO DE CARBALLO  pasa o ecuador da 10º edición coa maior participación da súa historia.
Máis de 20 rapaces e rapazas de Carballo gozan dun proxecto transversal que este ano cumpre o décimo aniversario cun amplo seguimento.

Os escolares, de entre 3º e 6º de primaria, iniciaron a X edición no mes de novembro cando se celebraba a o acto de presentación. Dende esa xornada foron máis de trinta participantes os que pasaron polas diferentes sesións da Escola Ambiental, tendo unha participación continuada de máis de 20 dos mesmos, o que reflexa a maior participación nesta xeira de obradoiros e sesións que compoñen a Escola Ambiental.

As actividades variadas esténdense dende o Espazo da Natureza de Oza cara os lugares da contorna de maior interese ambiental e cultural. Deste xeito, a rapazada visita emprazamerntos como o Bosque da Ribeira da Pena, Baldaio, Esteiro do Anllóns, Dolmen da Pedra Moura…etc. Aínda así, a maioría destas actividades semanais realízanse no mesmo Espazo da Natureza de Oza, onde os mozos e mozas son quen de cultivar a horta de xeito ecolóxico. Dentro das especies cultivables están as plantas aromáticas, cebolas, allos, fresas, leitugas, tomates ou pementos, que foron quen de coidar dentro e fora dun invernadoiro. No mesmo equipamento tamén dispoñen de biblioteca e sala de formación.

As actividades realízanse cada sábado principalmente de mañá, aínda que nas excursións, os horarios aumentan e é normal comer todos xuntos no medio natural.

Nesta segunda fase da edición 22-23 terán un maior contacto co entorno, aprendendo sobre ferramentas e material a utilizar no medio natural, rematando coa realización de pernoctas ao aire libre.

Para ir acadando estes obxectivos, ademais do esforzo de Senda Nova é salientable a colaboración do Concello de Carballo e tamén das familias dos nenos e nenas que, cada ano (e este ano máis), manteñen unha aumentada implicación co proxecto dende que este comezou. Un proxecto que pretende ser continuado en cada edición, cun traballo periódico cos mesmos nenos e nenas, que pretende un maior coñecemento, apego e vinculación da nosa rapazada co patrimonio e medio natural máis achegado.