O sol converteu en fume a xiada do domingo e Montemaior comezou a espertar da friaxe ao mesmo tempo que chegaban á carballeira de Sta Margarida os camiñantes do 10º Outono en Marcha.
O concello da Laracha era a estación desta cuarta andaina polas corredoiras de Bergantiños e a Senda das Capelas o percorrido proposto para encher as mochilas de coñecemento e inquedanzas.
Case catro decenas de persoas desafiaron ao frío e decidiron erguerse un domingo máis para desfrutar en grupo unha nova xornada de andainas que ía unir a capela de Sta Margarida co igrexario de Montemaior. Son dous polos opostos dunha inmensa parroquia chea de encantos. Dúas metades da parroquia que definen un sentimento propio e unha unión na propia estrada que une a capital municipal coa vila da Silva.
O percorrido une capelas e tamén un amplo territorio salpicado de fermosas corredoiras, ríos, regatos e de historias de curtidoiros. Non en van, no centro neurálxico do itinerario e coa parada máis interesante prevista, Jesús Souto coa didáctica que lle caracteriza, fainos un repaso polas diferentes fases do proceso antigo de curtido á vez que encadea ordenadas referencias históricas. A parada establece paralelamente unha evolución histórica do curtido ata perderse nunha actualidade de abandono.
O lugar volve a transportarnos. O curtidoiro de 1852 envólvenos de xeito sinxelo e a contorna, de restauración agarimosa, encaixa co muíño en funcionamento para pintar un cadro perfecto. Unha sorte poder desfrutar do extenso bocata e da hospitalidade que sempre exportan Suso e María.
Sortea o camiño capelas que aparecen entre as árbores. Construcións que arrastran as súas orixes dende os cultos pagáns á auga, o vento e as carballeiras. Recunchos de lembranza que nacen en castros, que cruzan ríos como o Bardoso ou se achegan a lugares como o Viso. Que visitan árbores impoñentes como o Carballo do Outeiro nun día de encanto para o goce dos sentidos.