O apartado mocidade é un dos máis importantes para a entidade, traballar cos máis cativos dende ben cedo, para tratar de achegalos ao seu entorno máis cercano e a unha serie de conductas respetuosas, sostibles e sensibles coa natureza, que farán que nun futuro sexan eles os encargados de protexer o patrimonio que nos arrodea.
Un ano máis comezan a poñerse en marcha as engranaxes da Escola Ambiental de Senda Nova, un proxecto que alcanza este ano xa a súa 5ª edición.
A Escola Ambiental de Senda Nova, é un dos proxectos máis ambiciosos da entidade, o cal , como todas as actividades de Senda Nova, sae adiante grazas aos voluntarios e voluntarias que formamos integramente a entidade.
Un grupo de monitores e monitoras que durante 8 meses (de novembro a xuño) desenvolverán unha actividade semanal cun grupo de 25 nenos e nenas de 3º,4º,5º e 6º de primaria dos colexios da contorna. As actividades desenvolveranse o sábado ou o domingo, dependendo do tipo de actividade que sexa, e realizaranse sempre perseguindo os mesmos obxectivos básicos: achegar aos nenos e nenas ao seu patrimonio cultural , ecolóxico e paisaxístico máis cercano, e aprender a disfrutar e interpretar a natureza dun xeito sostible e sensible.
As actividades son diferentes e variadas, dende sesións de aula, dinámicas na natureza, rutas de sendeirismo, actividades ornitolóxicas, xogos e manualidades, actividades de horta, actividades de observación e convivencia e un longo etc
A vindeira semana (día 17 de outubro) darán comezo as charlas e visitas informativas nos colexios da zona , nas cales os nenos e nenas terán a opción de informarse, aprender máis cousas sobre a escola, facer as preguntas que desexen, e levar a unha ficha de preinscripción para a casa por se desexan participar na actividade.
A principios de novembro terá lugar a presentación cos nenos e as familias que ocupen as 25 prazas dispoñibles e dará comezo está 5ª edición da Escola Ambiental de Senda Nova.
Unha vez máis animámosvos a todos e a todas os nenos e nanas a participar, aos máis maiores a colaborar con esta e outras actividades da entidade, difundila e animar aos máis cativos a preinscribirse. Sen o apoio de administracións (Concello de Carballo) , de pais e nais, da federación de Ampas da Costa da Morte e sobre todo aos voluntarios e voluntarias da entidade non sería posible que esta actividade saira adiante un ano máis.