O Domingo pasado tocou a costa de Malpica, nas parroquias de Cerqueda e Cambre, de patrimonio e natureza esculpidas polo home e as forzas da natureza, cada un na súa escala, evidentemente o primeiro más intencional e modestamente e a segunda implacable. Pero ambas deixaron obras que puidemos coñecer, moitas de gran beleza e únicas, que temos o privilexio de gozar.
A ruta foi circular, saíndo da igrexa de Cambre (primeira obra humana) e rematando alí mesmo. Polo medio, puntualmente, fixemos pequenas saídas da ruta para ver algúns puntos de interese non moi afastados.
O primeiro tramo, máis ou menos paralelo á estrada de Carballo-Malpica, foi moi levadío e pausado, vendo a flora e as casiñas, lixeiros de pernas con poucos quilómetros, terreo chan, nubarróns dando tregua e conversa amena. Nada que ver con ir a toda velocidade pola estrada veciña. Pasamos preto da fábrica de ladrillos, onde na beira do camiño se acumula una montaña de terras da explotación, margas arxilosas de cor avermellada.
E chegamos á Croa do Castro, aínda moi preto da estrada, nun lugar estratéxico, perfectamente visible dende os arredores, para que o visen (actualmente ben desbrozado, que se pode apreciar aínda mellor e tamén se agradece) sendo no pasado atalaia perfecta para ver ós demais e para controlar as rutas naturais de comunicación, e no presente, dende un punto de vista turístico para ese visitante de 100km/h, para o que se algo non está a 20m da carreteira é coma se non existe e que tanto lle costa afastarse da estrada principal e adentrarse no terreo descoñecido destas parroquias da costa con tanto para ver e gozar. Quizais, o turista que facilmente vexa o Castro, se fose conducido intelixentemente podería adentrarse tamén… é algo a potenciar dende logo.
Na Croa do Castro esperábanos Xosé Manuel Varela, que nos acompañaría e enriquecería a ruta coas súas explicacións, guiándonos polo territorio que tan ben coñece. Pero tamén esperaban as nubes para romper e choveunos un pouco. Achegámonos á propia croa polo foxo e dende alí puidemos divisar outras tantas atalaias naturais da zona cunha marabillosa panorámica.
Continuamos ata Loroxo, onde visitamos o pazo (que os propietarios amablemente nos amosaron tamén por dentro), descifrando os seus “oito apelidos galegos” que locen no extraordinario escudo, e baixamos cara os muíños de Ardeleiro. O último deles remata a escasos metros do mar!
Ata aquí máis ou menos as obras da man do home, pero comeza a traca final das maxestosas forzas da natureza… Xa dende Loroxo, baixando cara os muíños, vemos que estes se atopan nun val sospeitosamente profundo para o caudal do río, trátase dunha faia que nalgún momento, fai millóns de anos, formou o borde de dúas placas tectónicas que despois terminarían derivando nos actuais continentes de América e Europa. Nalgunhas rochas vemos os estratos dobrados coma se fosen plastilina. Se nos acompañase algún xeneral podería dicir algo coma “dende esta rocha, (milleiros? de) millóns de anos vos contemplan”… literalmente, é así, unha pasada.
A partir de aquí discorreu o tramo costeiro, coincidente parcialmente coa chamada ruta dos pinos do mar, atravesando montes comunitarios con espectaculares piñeirais, ben altos e en vales pronunciados.
A forza mudante dos procesos erosivos tamén son patentes neste último treito e existen acantilados esculpidos, a veces, caprichosamente coma na furna das Grallas, na que o mar atravesa a montaña e se poden ver arcadas naturais feitas pola arquitecta natureza.
Neste tramo, a proximidade do mar crea tamén poboacións arbóreas únicas, algunhas resgardadas coma pequenos e ricos refuxios de vexetación, que a veces se cerran nunha sorte de cúpula vexetal, e que ata teñen nomes de templos verdes (Devesa dos Conventos), carballeiras que rivalizan cos muíños en quen se achega máis ó mar, e árbores retortas e de ramaxes que loitan co vento nordés e as brisas salinas. Desgraciadamente, as que non están ameazadas directamente pola man do home, poderían ter as súas horas contadas e ser vítimas da propia natureza engulidas polas hedras.
E rematando, paramos un pouco para gozar das vistas na praia do Riás e coller uns folgos para afrontar a última subida cara á igrexa de Cambre, comezo e final do roteiro.
Distantes, as Sisargas e outros illotes, o Monte Neme e os Baixos de Baldaio son testemuñas de tanta beleza costeira de Cerqueda e Cambre. Nós, grazas a este roteiro, por un día tamén, e afortunadamente témolas a pouca distancia e accesibles, só require saírse un pouco da estrada e adentrarse nelas.
Agradecementos especiais a Xosé Manuel Varela e ó Concello de Malpica neste roteiro.
Adrián Eirís