Cabana de Bergantiños foi o destino da cuarta estación da XII PRIMAVERA EN RUTA e o patrimonio megalítico o obxectivo principal do foco que alumeou esta RUTA DAS MÁMOAS.
Os grupos que formaron a comitiva da andaina preparáronse na Piolla con impermeables, botas e paraugas para o que sería unha xornada de climatoloxía anunciada que prometía auga para sobrar. Aínda así, o cupo de prazas voltou esgotarse dende días antes da data límite para anotarse a outra experiencia máis polas corredoiras da Costa da Morte.
A ameaza non se cumpriu, a lo menos por completo. As persoas sacaban e poñían indumentaria case en cada parada, ao son das explicacións sobre o salpicado de mámoas que nos ofrecen os primeiros quilómetros de percorrido. Case nengunha puidemos visitar sen desfeitas físicas de paleadoras, pero o que é imposible é atopar este tipo de enterramentos neolíticos sen colonización eucalíptica. Sen dúbida, a problemática do abuso destas especies nos chans galegos é tamén unha das ameazas importantes cara uns vestixios importantísimos na nosa bisbarra. Uns xacementos que se contan por centos na zona e que claman por un cumprimento da lexislación que os protexe.
Certas áreas de plantacións de castiñeiro poñen a esperanza e o exemplo do que pode ser o monte galego e bergantiñán, e convidaron a unha obvia reflexión por parte dun grupo de camiñantes inquedos que ía sorteando como podía as nubes escuras, para seguir secos ata o Pazo de Casanova, en Nantón.
O edificio señorial mantén os elementos típicos deste tipo de construcións, e conserva os impoñentes escudos que amosan dende a entrada as conexións coas familias fidalgas máis importantes da bisbarra, como os Moscoso ou os Rioboo. A amabilidade dos propietarios e as explicacións dos guías permitiron dende o interior do recinto descifrar o corazón da edificación, e dun dos poucos muíños de cubo que podemos visitar nestas andainas. Neste caso nunhas condicións excepcionais para a volta a vida como tal.
A igrexa de Nantón foi a parada gastronómica do día. Uns intres nos que convivimos entre a permanente ameaza de choiva e a comodidade dun lugar acolledor a carón da aseada igrexa de San Pedro de Nantón. Atópase aínda enmarcada nos carballos aqueles que xa protexeron xeracións e xeracións de festeiros.
Os muíños do Abelán forman paisaxe co castro de Folgoso e o Pozo d´Orca. Aínda que a volta e o itinerario sexa caprichoso e xs camiñantes tiveran que sortear case dous quilómetros, en realidade atópanse estes espazos nun mesmo contexto inquedo. Un val salvaxe e desordeado que soubo acoller con gusto patrimonio paisaxístico, etnográfico e castrexo. O río Abelán encárgase de estruturalo a macheta, con saltos importantes que teñen na férveda do pozo d´Orca, un dos recunchos máis especiais de cantos visitamos. Un intre escondidos alí, despois de perdernos escollendo entre un cento de sendeiros mareados entre fieitas, é un intre de paz só contaminado coas fotografías.
O camiño esixe costa arriba, e o val vaise perdendo no fondo mentres divisamos a Barcia cada vez máis lonxe. É entón cando nos acolle o lugar de Rioboo. A capital da parroquia está presidida pola súa igrexa mais o conxunto, con aire medieval, chama a atención de cada un dos grupos de persoas. Non é complicado imaxinar aquí a feira tradicional que realizan de xeito anual. Perdidos entre pallotes de madeira, casas restauradas e cabazos pousados no mellor sitio para conseguir un laberinto o harmónico dunha aldea de conto á que non lle falta nin a fonte.
Máis o tesouro máis importante atópase xusto no interior da igrexa. O traballo a prol da feira medieval de Ernesto convírtese rapidamente en orgullo, e ábrenos o templo para que xs visitantes acaben abraiados cun interior impoñente e un retablo de arte realmente espectacular.
A Penela foi a última parada desta andaina de aprendizaxe. A torre medieval, en horas baixas, agarda un comezo máis que un final. Unha restauración física e unha posta en valor a través de actividade é o menos que merece este importantísimo vestixio histórico do concello de Cabana de Bergantiños.
Baneira foi o punto e final da andaina. Un camiño cheo de ameazas climatolóxicas incumpridas.