ANDANDO XA POLO VIII OUTONO EN MARCHA: O PREMIO É SEGUIR

ANDANDO XA POLO VIII OUTONO EN MARCHA: O PREMIO É SEGUIR

Despois da resaca da segunda das andainas deste VIII Outono en Marcha, neste día gris pesado no que aparecen as primeiras lamas da estación tardía, saboreamos a entrada real no tempo de recollida, de lume e de historias. Facémolo despois depercorrer as corredoiras polas Terras do Marqués nun día galego de brétema e orballo.

RAZO BALDAIO

Hoxe é o día, o punto de inflexión á primeira das andainas por Razo-Baldaio para protexer e tamén a un verán de tempo solleiro e de actividade continuada no litoral carballés.
Certamente, non puidemos ter mellor comezo de andainas de outono. Con luz suficiente para iluminar un océano que sorprende segundo o día que o miremos, segundo os ollos que o fagan e segundo a hora que o contemplemos. E é que as persoas madrugadoras deste VIII OUTONO EN MARCHA, teñen a merecida recompensa a erguerse cedo todo un domingo. Un domingo de descanso que se convirte en día de aprendizaxe, de convivencia, de armonía e de achegamento á natureza máis de cerca.
E é que os horizontes de Baldaio crean afición á cultura, á xeoloxía e a paisaxe a través do escaneo que ofrece a forma máis sinxela e recomendable para aprender do patrimonio: camiñar.
Despois de ver o espertar da xiada na Punta do chan de Razo, iniciamos o longo camiño paralelo a un dos areais máis extensos de Galicia. Unha extensión chea de historias de naufraxios, avións aquí aterrados, area expoliada e como non, de ecoloxía en forma de botánica e avifaunas, entre as que destaca a Píllara das Dunas. Voltou ser eixo a límícola protexida. Un eixo que debe ser máis forte ante a delicadísima situación da ave, que atopa en Baldaio un dos últimos reductos de cría.
Paralelo á fauna, a xeoloxía: a praia fósil, as dunas primarias, secundarias e terciarias e un cambio bastante repentino na dinámica de mareas que remata por pechar por completo a lagoa de Baldaio á entrada de auga salgada marítima. Descoñecemos as dimensións dunha situación que a priori xa parece dramática se as dinámicas non cambian de novo para unha apertura da ría e a volta a salobridade da auga.
A parte cultural da andaina pola costa carballesa quedou para despois dun sabedor bocata na praia das Saíñas. E é que o serán de Lema e Rebordelos levanos ás aldeas, cruceiros, capelas e castros do Baldaio menos coñecido. Aquel que mira ao mar dende un altar de orgullo. A serpe de cor moldea as aldeas de Lema ata chegar a Castrillón: castro, capela e miradoiro no mesmo ser mítico.

TERRAS DO MARQUÉS
O exemplo de terra fértil ben podería ser calquera destas parroquias bañadas hoxe mesmo por brétema, orballo e resaca de tempestade.
Ameazaba ben forte a madrugada a unha mañan de ruta. Con vento forte e auga a caldeiros escachada contra as contras. Mais voltaron ter recompensa os camiñantes de Senda Nova polas parroquias de Ardaña e Artes, pois o deus meteoro cambioulles a tempestade por un fino orballo e unha brétema medosa.
Gontade voltou recibir o grupo ates xa da chegada das 9h. E o Pazo de Gontade e Alicia seguen a recibirnos 11 anos despois da primeira visita para o coñecemento do pazo máis antigo do concello de Carballo. Logo foi a igrexa de Ardaña e, dende o balcón da Peniqueira, a visita ao castro e a mámoa, para que a senda exercera orgullosa do máis rico e variado patrimonio. E é que as Terras do Marqués ofrecen como ningunha outra andaina uunha viaxe polo Bergantiños interiror fulminado de cultura e vestixios históricos de multitude de épocas. No caso do castro da Peniqueira, atopamos unha das maiores aldeas prerromanas da bisbarra. Aí, nesa compluencia precisa e xusta das parroquias de Rus, Ardaña e Artes.
Que ben se baixa despois ata o pazo de Vilar de Francos! O camiño descende e o saber da visita a unha das construcións máis espectaculares fan do tramo un dos máis agradables da andaina. Axuda moito comtemplar o amplo e quente val de Artes, cun microclima e persoalidade propia. Tamén axuda a atención e hospitalidade histórica da xente da Penela, negocio hostaleiro e propietarios do inmoble. Mención especial para
Vanesa, sempre tan atenta e amable coa nosa expedición. Creedeme que a visita unha vez por ano á parte humana, é xa de por si suficientemente agradable para o aprendizaxe na bondade.
As corredoiras seguiron polo val do río do Calvelo. Outro microclima quente capaz de criar das poucas sobreiras que aniñan na zona. Estes Quercus suber non producen corcho pero si ledicia poder ensinar estes exemplares aos máis pequenos.
As Pallas, como destino final é o colofón a un novo escalón no coñecemento e posta en valor das nosas aldeas, da nosa historia e da nosa xente.
Xa agardaos a vindeira andaina polo interior do concello da Laracha e a parroquia de Montemaior. Os case medio cento de camiñantes que probaron nestas dúas primeiras participacións deste VIII OUTONO EN MARCHA están preparados para elo.
Non nos cansaremos de dicir que o premio é, precisamente, seguir.


Jose M. Menéndez

8ºOM – Razo Baldaio

Flickr Album Gallery Powered By: WP Frank

8ºOM- Terras Do Marqués

Flickr Album Gallery Powered By: WP Frank