As beiras do río de Bergantiños, máis secas que nunca reciben aos primeiros participantes dunha XI PRIMAVERA EN RUTA que se formateou por mor do COVID. Que resucitou precisamente o día que a difícil primavera lle deixa paso ao verán.
E o verán, galego como tal, chegou como chega sempre a estas terras do corazón de Bergantiños. Co orballo de chumbo, a brétema e a calor.
O trío perfecto causante do verdor dos prados galegos precede aos días de calor intensos. A choiva feble dos días deste tipo nomease o “orballo de San Xoán”, ben coñecido por aqueles que, durante anos realizabamos tarefas de acondicionamento das cachelas para o concurso.
Desta volta probou á participación dunha primavera en ruta que comezaba unha vez máis polo SON DO ANLLÓNS, un percorrido con moita máis herba nas marxes a causa do pouco transito de troiteiros por mor do confinamento.
Aínda así, o descubrimento dun tesouro en cada retorta non deixa indiferente a ninguén, mesmo a aquel@s que, xa habituad@s, interésanse ano a ano neste percorrido pola ecoloxía da vexetación de ribeira.
Aquí, no Anllóns menos coñecido, cobra importancia os verdadeiros camiños, fora da zahorra, das pasarelas de madeira ou de calquera outra artificialización destes espazos Rede Natura 2000. A figura de protección non é de balde. A variedade de árbores autóctonos, o patrimonio etnográfico dos muíños, os ecosistemas fluviais e as zonas de inundamento do Anllóns configuran un escenario magnífico e dunha riqueza ecolóxica envexable que temos a obriga de protexer de actuacións artificiais que sufre o río noutras zonas do seu percorrido.
Á parte fluvial do percorrido únese un patrimonio cultural salientable. O itinerario participou do territorio de Sísamo a través de castro, igrexa e pazo, así como á visita aos exteriores da que foi a casa consistorial do municipio na antiga división territorial de principios de S XIX.
Coma sempre Verdes, berce da paisaxe, da churrascada e do botellón segue a pedir a gritos un punto interpretativo, como núcleo dun Bergantiños agrícola e como lugar estratéxico a nivel etnográfico. Parece imposible que nunha das comarcas máis fértiles de Galicia non poidamos preparar Verdes para o aprendizaxe, o coñecemento e a interpretación, tan sequera co funcionamento dun dos abundantes muíños dos que posúe.
E a viaxe levounos á Pontedona e a Sta Mariña de Corcoesto, para parar un intenso día de camiñada nas portas da Igrexa parroquial da parroquia cabanesa. Agradable foi ver neste último tramo especies como o érbedo ou a sobreira, propias na vexetación mediterránea, e que atopan acubillo en zonas abrigadas rescatadas das garras da proxectada mina de outro de Corcoesto polo orgullo da veciñanza.