AO MONTE HAI QUE IR A ALGO

AO MONTE HAI QUE IR A ALGO

XI PR Forza do río Chonia

XI PR Forza do río Chonia

 

 

“Ao monte hai que ir a algo”. Esa frase repetida por meu pai nos cumios de Peñamayor, en Asturies, ía dedicada á posta en valor do pastoreo na zona, toda vez que as rutas que estabamos a facer tiñan como obxectivo ir visitar o gando miúdo ou “reciella” da nosa propiedade que pasaba o verán neses montes do Alto Nalón. Foi unha frase que tiven sempre en mente e segue aí, tan a man na mochila como a propia cantimplora.

 

Nos roteiros de sendeirismo de Senda Nova non facemos labores de pastoreo mais coido que, cando imos ao monte, non é de balde. Non imos ver se o gando miúdo de ovellas ou cabras se atopa ou non en bo estado, nin tampouco os pastores e pastoras serían neste caso un grupo reducido, pero podería ter unha simultaneidade ben grande.

 

As andainas da PRIMAVERA EN RUTA verifican deste o estado do patrimonio do mesmo xeito que os pastores e  pastoras de Peñamayor  analizan a saúde das ovellas.

 

A frecuencia da visita non é tanta, pero dezaseis anos percorrendo o mesmo patrimonio con tan grande volume de grupos de andariños, pode servir para unha fonda análise sobre pontes, batáns, pazos muíños, castros, mámoas ou corredoiras. Un escaneo realizado a través dun agarimo transportado na mochila do mesmo xeito que o pastor ou pastora leva sal para o gando montés.

 

A pasada ruta pola FORZA DO RÍO CHONIA ben pode ser a representación dunha labor de coñecemento para a protección do patrimonio dende estas actividades e a colaboración de persoeiros locais nas mesmas. Xente  como Xabier Villar, que abre as portas do Pazo de Vilacova dende o o repaso minucioso dos contidos que nos ofrece a historia do impoñente edificio.

 

Podería ser tamén exemplo da caída das nosas corredoiras en pouco tempo. Quizá un pequeno intre na historia. Un fulminante desprezo pola historia, as especies autóctonas e os muros de pedra seca destes vías cargados de sentimento. De nada serve que esta pedra seca sexa patrimonio da humanidade cando avaricia das concentracións parcelarias necesita pouco esforzo e moita ignorancia para destruír anos de historia e sentimento. Aquí como en ningún sitio temos a resposta de ignorancia, a psicoloxía de costas ao noso. A falta de querernos.

 

A destrución de corredoiras e o abandono de muíños, batáns e minicentrais do curso baixo do río Chonia. Merecería ben destacar que pequenos xeradores de enerxía hidráulica habitaron estes lugares a través do patrimonio etnográfico. Hoxe, habitan derruídas.

 

No país dos mil ríos parece impensable hoxe en día con este modelo enerxético especulativo que poder deste xeito non ser atracados pola grande industria enerxética, pero vemos que a solución viña escrita dende fai anos dende estes pequenos produtores e dende o aforro enerxético onde os máis vellos afirman ter tido “lus” nas aldeas próximas a través destas lóxicas solucións.

 

Dicir que o camiño que remata no recentemente escavado Castelo de Portomeiro é un dos tramos máis fascinantes de todos cantos percorremos é algo recorrente entre a xente que percorre as andainas. Facendo unha pequena análise vemos que aparte de ecoloxía e paisaxe atopamos en moi pouca distancia unha xeira ben grande de vestixios, cun colofón no propio Castelo da parroquia xa de Val do Dubra: Portomeiro. O xacemento suma enteiros grazas a recente escavación. Dende unha visita interpretativa podemos salientar un orixe post romano do lugar. Agardamos que o proxecto siga en marcha para seguir no traballo de estudo deste tipo de aldeas.

 

Parece máis inconcibible que o camiño se atope completamente pechado pola vexetación. Un camiño ancho de orixe que hoxe hai que adiviñar entre xestas. A afirmación é sempre difícil pois denunciar a situación pode converter a fermosa vía en destino fácil de maquinaria pesada e a mesma zahorra que as pistas de 10metros  de ancho que salpican xa o territorio de trazo a través dos proxectos de concentracións parcelarias e que substitúen as antigas corredoiras incluso en antigas vías de peregrinación a Compostela.

 

Temos en falta un concepto do territorio baseado nun mínimo sentimento e unha certa dose de sensibilidade. A desfeita nunha volverá a ser corredoira, pero unha corredoira sempre estará ameazada pola desfeita.

 

Jose M. Menéndez

 

XI PR FORZA DO RÍO CHONIA

Flickr Album Gallery Powered By: WP Frank