Case sempre nos agasalla Trazo con días solleiros para a representación deste percorrido inmerso na comarca de Ordes.
Case sempre acurtamos o percorrido orixinario que estreabamos fai xa sete anos,e que comezaba camiñando na veciña parroquia de Tordoiesa de Cabaleiros.
Pero o deseño do percorrido foi aínda anterior, con aquela base das Sendas do Apóstolo e aquelas corredoiras que visitamos naquel proxecto, que non puidemos agregar ao camiño a Compostela e que foron base para este outro proxecto posterior.
Abofé que o Chonia foi o xermolo deste percorrido. Sen dúbida que o curso baixo do río é o máis espectacular no que ten que ver co ámbito paisaxístico. Incluso ecolóxico.
Pero os 40 camiñantes que saíron da igrexa de Monzo puideron saborear ademais, camiños moi antigos que chegaban a Compostela dende A Coruña. Puideron aprender nas igrexas de Monzo e Restande. Asistiron tamén, ás entusiastas explicacións de Xabi que, dende un trono labrado con orgullo, descifra a información dunha das construcións máis fermosas de cantas paradas realizamos nas rutas: O Pazo de Vilacova.
De verdade que o lugar invitaría dende ben tempo á realización dunha obra fermosa e abondosa en espazo. De xuro que o marco espectacular da parroquia de Restande e o emprazamento en outeiro, foi a orixe dun soño.
A abundante explotación de gandeiría ecolóxica marca de xeito didáctico os lindes de posesión do pazo, e houbo que andar quilómetros para saír da propiedade e para facer alto na marcha e poder degustar o bocata.
A capela do Carme da Hermida marcou punto de partida e de traballo para unha tarde longa. Lestrove e o seu castro foi a parada seguinte e Oa e a capela de San Xosé, xa na parroquia de Xavestre, a que nos abría tramo para a última parte da andaina. A máis dura e espectacular.
Nunca nos cansamos de visitar o curso baixo do Chonia. Os batáns, os muíños e a espectacular paisaxe que funciona como reduto intenso de vexetación autóctona, aínda está a salvo do monte queimado que se achega. As construcións fluviais atópanse en situación alarmante de ruína e abandono mais o río brincadeiro e o exuberante verde primaveral, atraen a atención da marcha ata que o Chonia se disolve no Tambre.
O último esforzo recompensa en Portomeiro. Primeiro no seu castro e o fermoso emprazamento, logo a restauración da aldea e a coidada construción en pedra de parte do máis antigo do seu urbanismo. A capital desta parroquia de Val do Dubra puxo fin a un fermoso domingo de coñecemento. Unha fermosa aprendizaxe pola meseta de Ordes.