As sementes e Montemaior, protagonistas

As sementes e Montemaior, protagonistas

7 OM Senda das Capelas 2

7 OM Senda das Capelas

A semana do comezo do 7º OUTONO EN MARCHA comezou de mércores 24 cun repaso cultural pola parroquia de Montemaior. O programa de RTV CERCEDA, DA LAREIRA Á LAMEIRA pretendeu unha toma de contacto e presentación do que ía ser o estreo deste programa de roteiros para o coñecemento. O eixo non foi outro que a SENDA DAS CAPELAS, o percorrido que os camiñantes máis aventureiros, andarían o domingo 28.

Antes diso, dende o Espazo da Natureza de Oza,  as propostas dos Xoves de Filme e as Conversas no Luscofusco.

A primeira delas desenvolveuse nos conflitos laborais dos anos oitenta nas conserveiras das rías baixas galegas. A loita por unhas condicións laborais decentes e mesmo polo posto de traballo desencadeou  unha forte unión nas mulleres e unha mobilización histórica polos dereitos.

As Conversas no Luscofusco tiveron a Ramón Nogueira como protagonista, cunha intervención amena, didáctica e chea de contido, onde rapazada e xente maior puido aprender sobre a importancia do cultivo sen químicos e o gardado das túas propias sementes. A intervención incentivou aos participantes tamén ao cultivo propio.

E o domingo, como colofón e ben entrado xa o frío de outono, os camiñantes desafiaron a climatoloxía para emprender rumbo a Montemaior coa SENDA DAS CAPELAS, no estreo do 7º OUTONO EN MARCHA. Un dos clásicos máis agardados polos habituais de Senda Nova abría a tempada. O nexo son unha morea de capelas e restos delas, sementadas nunha das parroquias máis grandes da bisbarra. O percorrido, que non sae de Montemaior, ten como epicentro o curtidoiro de Cumiáns. Tamén a Suso Souto, o apaixoado anfitrión e propietario que descifra os segredos dunha construción que data de 1850 á vez que acompaña ao resto de camiñantes por cada recuncho dun percorrido que une a Santa Margarida co Igrexario. Mámoas, capelas, cruceiros, beiras de ríos e cesteiras como María de Brumiáns,  completan unha senda espectacular que, neste domingo situou aos participantes entre o frío e o granizo.

A semana pechouse pois con máis de medio cento de participantes que se achegaron ás propostas da asociación dende o Espazo da Natureza de Oza e dende as corredoiras da parroquia de Montemaior.

gardado de sementes

Xoves de Filme. Doli, doli