Camiños de Aldemunde 17 Primavera en Ruta
A ruta polas ALTAS TERRAS DE SONEIRA PECHOU A 17 edición da PRIMAVERA EN RUTA DE SENDA NOVA
Fai 17 anos puxémonos como obxectivo o percorrer cada un dos itinerarios unha vez por ano. 17 anos despois seguimos cumprindo obxectivos grazas a un cúmulo de axudas que florece cada primavera en cada programación
Desta volta, con máis de 200 participantes en oito andainas, máis de 150 paradas programadas para o coñecemento, e máis de 120 km de andainas pola contorna, foi outra edición que suma e segue na idea do sendeirismo como ferramenta do coñecemento da contorna.
CÚMULO DE AXUDAS
En Senda Nova poñemos a enerxía de activación mais a PRIMAVERA EN RUTA é un cúmulo de axudas e esforzos que comeza co apoio dos concellos. Non nos cansamos de agradecer ao Concello de Carballo, ao Concello da Laracha, ao Concello de Malpica de Bergantiños, que se unen ao Concello de Zas e de Trazo para formar unha xuntanza de axudas necesaria.
A labor de Protección Civil de Carballo, a da Escola de Idiomas de Carballo e a do voluntariado de Senda Nova son os engranaxes que fai que todo funcione.
PARTICIPACIÓN
Entre as colaboracións están as entidades que participan connosco. Desta volta temos moito que agradecer.
Unha boa xeira de entidades de preto que nos acompañaron para lograr o obxectivo de dar a coñecer o patrimonio local á poboación máis apegada á nosa contorna. Deste xeito, participaron connosco en diferentes andainas, veciñas e veciños en grupo a través da A. V Aldemunde de Arriba, ou do colectivo Verdegaia.
E como non, tivemos a sorte de manter a participación periódica do publico local, que con participantes novos e camiñantes tradicionais, chegaron sobre todo dos concellos de Carballo, A Laracha e Malpica de Bergantiños.
O balance que facemos serve para recobrar forzas. A PRIMAVERA EN RUTA segue viva e, o máis importante, o sendeirismo interpretativo toma forza na nosa Costa da Morte.
Atrás quedan os inicios, que necesitaron dun esforzo extra para demostrar á sociedade que, o mesmo que noutros lugares, aquí neste recuncho tiña que ser unha actividade a potenciar. Mereceu a pena.
Máis de 120 km en cada primavera durante 17 anos dannos tamén un crédito e unha autoridade para facer unha diagnose da nosa contorna, toda vez que os camiños repítense ano a ano.
Enviamos un agradecemento especial a todas as persoas e entidade que fan posible este programa de andainas que se fai maior, especialmente ás socias e socios de Senda Nova.