O pasado domingo 24 de outubro puidemos desfrutar dunha xornada de sendeirismo interpretado cun gran contido cultural e patrimonial así coma dunha contraste climatolóxica que fixo do día espertar nos participantes diversas emocións e sensación, facendo se cabe, máis intensa a actividade desta que chamamos sendeirismo consciente.
O día comezaba a abrir timidamente baixo un manto de chuvia intensa pero que non impediu que os case medio cento de valentes participantes e voluntarios comezasen a xornada con boa cara e augurando que logo escamparía. Así comezamos a camiñar pola parroquia de Ardaña, dirixíndonos cara o Pazo de Gontade. Alí agardábanos Alicia, dona do Pazo, que tivo a ben abrirnos a cancela un domingo pola mañá para que puideramos observar a vistosa fachada do edificio. Agradecidos quedamos da súa hospitalidade. Que importantes as explicacións tan atinadas que fixo naquel intre Jose Menéndez e que nos levou a imaxinar o contexto social e económico daquel Pazo tan antigo do século XVI, así como a súa situación estratéxica naquel fértil val do municipio carballés.
Saíndo de Gontade, os nosos ollos non facían máis que confirmar o explicado por Jose, atravesamos esa paisaxe dominada polo Pazo: valos, canles, regos, leiras, prados, trebeiras, hortas,… traballados no seu día por un importante número de labregos e labregas e que axudaron a manter o auxe económico e así soster o poder señorial característico de todo o territorio galego ata o século XVIII.
Tras pasar pola igrexa de Santa María de Ardaña e alzar a vista cara o seu impoñente campanario e o seu vistoso cruceiro, a chuvia comezaba a ser intermitente o que motivaba o paso para subires ao alto da Peniqueira. O máis emocionante do traxecto estaba diante nosa. Un monte con 355 métros de altitude salpicado de vestixios megalíticos e da cultura castrexa. A subida por fermosas corredoiras facía despertar en nós sensacións visuais e olfativas propias do outono. Aprendimos a diferenciar rastros distinguindo ás do porco bravo coas do porco teixo. Os nosos sentidos estaban abertos e ben despertos dispostos a non perder detalle destes camiños primitivos: as corredoiras.
Moitas destas corredoiras empregadas polos nosos antepasados e que conectaban as aldeas coas terras de labradío están en serio perigo de desaparecer e todos coincidíamos na beleza e ledicia para os nosos sentidos poder pasar por elas, aparte da súa importancia histórica. No itinerario deseñado por Senda Nova co fin de percorrer estas terras todos os anos para deste xeito dinamizar o entorno rural e facer unha diagnose do territorio, puidemos comprobar a desaparición dramática de dúas corredoiras polas que transcorría o roteiro: unha baixando do Bico do Castro cara o Pazo de Vilardefrancos, esnaquizada pola maquinaria pesada madereira e outra ao pasar o Pazo de Vilardefrancos subindo cara a Igrexa de Artes, convertida nunha pista forestal pisada con zahorra.
No alto da Peniqueira entre dúas mámoas, unha descuberta anos atrás polo noso guía o profesor Evaristo Dominguez Rial, puidemos realizar unha ampla reflexión sobre a sensibilidade que hai no entorno rural destes vestixios e cales poderían ser os procedementos a seguir para implicar a poboación local á valorar o seu patrimonio. Seguimos a marcha entre reflexións cara o Castro a pesar de que perdeu o seu dominio estratéxico debido aos eucaliptos, si que puidemos intuír as súas amplas dimensións e diversas partes que configuran o conxunto coma o ante-castro, o foso e a muralla defensiva.
Xa na hora do mediodía, o impoñente torrexón do Pazo de Vilardefrancos observábase baixando a Peniqueira. Non é de estrañar que noutros tempos incluso se utilizase coma fortaleza en tempos de Guerra. Novamente quedamos agradecidos aos donos do Pazo e que levan alí un importante negocio de hostaleiro por abrirnos as portas e amosarnos este maxestuoso Pazo do século XVII.
Alí pretiño, un carballo milenario catalogado coma árbore senlleira e un pouco danado e esgazado por anteriores temporais e debido o peso das súas ramas languidece nas últimas pero quen sabe se aínda os nosos ollos o verán morrer, probablemente aínda lle queden moitos outonos por vivir.
Xa co sol quentando os nosos corpos o roteiro ía chegando o seu final pasando pola igrexa de Artes e rematando na fogar dun voluntario de Senda Nova, David. “O Almacén”, así lle chaman. Alí amosounos con gran entusiasmo unha serie de aparellos de labranza do máis variopintos; antigos e origixinais e que algúns dos participantes descoñecían polo que o interese estivo garantizado.
Agradecidos e satisfeitos quedamos do entusiasmso e motivación dos participantes que mostraron gran sensibilidade polo patrimonio e o entorno natural.