A lo menos, pode ser tamén un resumo, unha avaliación que poderían facer as máis de cento e medio de persoas que se achegaron ao total de actividades, nas diferentes propostas destas xornadas de interpretación de Baldaio.
A climatoloxía só se encargou de suspender a saída co IES Parga Pondal. Deste xeito, as alumnas e alumnos do IES Agra de Leborís da Laracha percorreron dun xeito interpretativo unha das praias máis grandes de Galicia, como previa da visita ao humidal de Baldaio. Antes fixérano os nenos e nenas do CEIP Fogar de Carballo: Un grupo de corenta e catro entusiastas camiñantes que deixaron a pegada do agarimo no espazo natural e a través do silencio.
E o venres chegaron as intervencións dende a aula. Co local social da Imende como centro de operacións, fómonos achegando á lagoa de Baldaio a través dunha dura profesión, a de marisqueira, escoitando as verbas de María José Felípez. Á dificultade do esforzo físico ven sumada á de innumerables trabas durante anos, que minguaron considerablemente a capacidade da ría para a produción de marisco: Extracción masiva de area, peche da ría durante a catástrofe do Prestige, entrada masiva de area enterrando ao berberecho por mor de cambios nas correntes …
Detrás destas problemáticas, vitais para esta forma de economía, hai actuacións humanas:
O coñecido bom construtivo dos anos sesenta e setenta, dou alas á tamén coñecida e masiva extracción de area en Baldaio e a unha resposta social que terminou por parar estas accións nunha ría xa ferida a través da desfeita.
Parece que o peche físico da lagoa para que non entrara o chapapote do Prestige non só foi agresivo polo material empregado para o peche, senón que condenou ao espazo a unha falta de reciclaxe da auga. Un dos motores da vida da lagoa. Esta experiencia parece non sustentar as actuais comportas de peche dunha das zonas da lagoa que, se ben son avaladas pola Asociación de Mariscadoras como barreira para un exceso de entrada de area en zonas de aproveitamento marisqueiro, parece constituír só un parche a curto prazo dende o punto de vista do aproveitamento económico, e unha negativa e importante barreira ecolóxica.
Precisamente, a masiva introdución de area é sinalada como unha das grandes problemáticas marisqueiras e unha das causas da alta mortandade. Moita xente parece coincidir no cambio das correntes dende a construción do dique do porto exterior da Coruña. O cambio nesta dinámica parece afectar a outras partes da costa achegada a unha enorme infraestrutura moi cuestionada. Aínda así, a resignación en canto ás consecuencias ecolóxicas destas obras invitan ao pesimismo á hora de afrontarse con actuacións vindeiras.
Aínda coa negativa herdanza e cun presente que non aprende dela, o valor ecolóxico de Baldaio séguese a manter alto. O espazo segue a ser un dos referentes da zona en canto a diversidade, destacando varios tipos de ecosistemas a protexer e estudar. Todos estes contidos foron expostos por Antón Vázquez, do Grupo Naturalísta Hábitat, que incidiu na importancia ornitolóxica do humidal en canto ás aves migratorias, cunha poboación importante de limícolas e onde aínda aniña a Píllara das Dunas, unha especie cun plan específico de recuperación que ten ben poucas zonas de cría en Galicia. Coincidiu na aposta pola economía sostible baseada nun aproveitamento marisqueiro de xeito tradicional e de renovación natural das augas sen comportas.
No achegamento ornitolóxico tamén estivo presente Antón, que nos repasou as especies máis frecuentes de Baldaio e achegou particularidades das mesmas, destacando a importancia de cada unha delas para o mantemento da ecoloxía do lugar.
Xan Fernández Carrera repasou, dende o local da Imende, o patrimonio cultural das parroquias que integran o espazo costeiro carballés. O repaso realizouse basicamente dende o castrexo ao barroco e incluíu unha saída polos castros de Constenla e Castrillón e as igrexas de Lema, Noicela e Rebordelos. A avaliación de todo o percorrido foi positiva e puxo de relevo o potencial patrimonial de Baldaio.
A quenda do movemento asociativo veu representado pola Asociación Argazo e a ADCR Baldaio, ámbalas dúas cun volume importante de actividade. Destaca Argazo na variedade máis cultural, con múltiples propostas para nenos e maiores, dedicadas á música tradicional. Ana María tamén nos mostrou a dificultade de mobilización que temos as entidades, sobre todo en entornos rurais.
José Antonio, representando a ADCR Baldaio coincidiu nesta última visión e mostrounos o día a día da entidade a través dos equipos de fútbol e a Festa do Berberecho, unha das grandes propostas lúdicas dunha zona na que parece que (como a meirande parte dos espazos rurais) a perda da poboación é unha traba máis para a dinamización das parroquias.
Con todo, dende Senda Nova coidamos que o esforzo de cada unha destas persoas e entidades non é de balde. Coincidimos que se pode e se debe de facer moito dende a unión dos diferentes cabos para trazar unha rede que protexa Baldaio dende a premisa do potencial máis salientable: O ecolóxico.
Máis alá das posibles diferenzas de xestión do espazo, todo o mundo parece estar de acordo na excesiva presión humana do humidal, máis aínda coincidindo con climatoloxías atractivas, afectando negativamente á ecoloxía dos ecosistemas . Esta presión humana ven aumentada pola acción das mascotas, sobre todo os cans, dos que se queixan dende diversos colectivos, entre eles o marisqueiro ou de observación de aves, sendo incompatibles cun aproveitamento ornitolóxico do espazo. Aínda que en fase embrionaria, si parece ser este outro dos recursos importantes do humidal, vindo abalado por exemplos noutros países europeos.
Unha vez máis, as actividades de sensibilización ou de aproveitamento económico veñen bater coas condutas negativas dende accións por puro esparcimento: As sinais de prohibición para este tipo de animais son tachadas, arrincadas e sementadas case ao momento polo espazo natural en actos reiterados e intolerables. As rutas a cabalo, a circulación polas dunas, os vehículos a motor, a práctica de modalidades de surf ou o furtivismo, son outras das accións en contra do espazo natural.
Parece que a sensibilización poder ser o primeiro método co que traballar aínda que moitos tamén coinciden na vixilancia como algo a mellorar de xeito exponencial.
As facilidades de acceso con vehículos ata a porta da ría parece ser outro dos factores que inflúen en potenciar todas estas acción negativas que se suman aos restos de lixo en lugares de difícil limpeza.
Coincidimos en que mellor que a limpeza é contribuír a que non se teña que realizar. Loitamos contra a comodidade de levar o coche sempre ata o destino. Exemplos non faltan nos que a maior distancia dos vehículos aos puntos de interese, maior é a conservación deses espazos. Baldaio non é diferente e necesítaos máis lonxe do humidal.
Con todo isto, dende Senda Nova entendemos que Baldaio necesita un plan integral de conservación no que teñan cabida a economía sostible dentro dun uso tradicional. Un marco normativo específico no que se potencien as actividades interpretativas e de sensibilización e os recursos naturais para unhas actividades de turismo natural e cultural que teñan sempre como premisa a ecoloxía.
Pensar que cada un de nos non ten que mellorar nada dende o punto de vista ecolóxico, nin mellorará Baldaio nin nos mellorará como persoas. Nesa capacidade de autocrítica e de esforzo como individuos e como institucións, está a base do futuro deste e doutros espazos.
Baldaio aínda nos ten moito que contar. Aprender del, con el, e para el, quizá faga un espazo moito mellor e como non, mellores persoas para o futuro.
Moitísimas grazas a todas e todos os participantes. Moitísimas grazas a María José, Antón, Xan, Ana María e Jose Antonio.
Facelo con agarimo.