Baldaio e Alcaián protagonistas da 1ª actividade dos Días de Achegamento aos Humidais de Bergantiños

Baldaio e Alcaián protagonistas da 1ª actividade dos Días de Achegamento aos Humidais de Bergantiños

 

Esta fin de semana tivo lugar a primeira actividade dos “Días de Achegamento aos Humidais de Bergantiños” que vimos de presentar a pasada semana.

Estas xornadas pretenden achegar á poboación, e sobre todo a mocidade, aos espazos húmidos da comarca, coñecendo máis de preto cada un deles, a súa importancia ecolóxica, cultural e social,  o estado actual de cada un, e tamén as problemáticas comúns e específicas que presentan.

A primeira actividade realizouse este domingo día 3 de febreiro, e achegounos aos humidais de Baldaio e de Alcaián.

Unhas 40 persoas nos achegamos na mañá do domingo a este importante humidal carballés, onde contamos coa colaboración de Andrés e Laura, membros do Grupo Naturalista Hábitat , que nos aportaron moitísimos coñecementos sobre ornitoloxía, botánica, fauna… deixando, máis aínda aos máis pequenos do grupo, coa boca aberta e os oídos postos nas súas explicacións.  Un luxo e un pracer contar con eles nesta actividade, e aprender tanto en tan pouco tempo.

A lagoa ofreceu coma sempre o mellor dela, agasallándonos fermosas imaxes, e deixándonos observar a biodiversidade e a vida que abrangue. Agullas, gaivotas, carráns, píllaras reais, cormoráns, garzas, garcetas… deixáronse ver durante toda a xornada, deixando fascinados aos alí presentes coa súa maxestosidade as garzas, cos seus cantos as gaivotas, cos seus voos os bandos de limícolas que serpenteaban no aire sobre a lagoa, os cormoráns nas súas xornadas de mergullo… unha chea de estímulos e sensacións que mantiñan en vilo a pequenos e maiores.

Ao rematar a mañá, xa de volta na zona de aparcamento de Baldaio, as compañeiras do GN Hábitat despregaron un taboleiro e comezaron a sacar dos seus maleteiros moreas e moreas de rastros, indicios, guías, equipos ópticos e agasalláronnos cun improvisado taller de pegadas e indicios, que serviu como un rápido pero completo achegamento ao naturalismo e a observación.

En torno ás 14:00h da tarde fixemos un alto e achegámonos ao restaurante, onde comemos todos xuntos un bo cocido que compens0u o frío das primeiras horas da mañá.

Ao rematar de comer, dirixímonos ao segundo humidal que visitaríamos nesta xornada: A Lagoa de Alcaián, ou Braña Rubia, no Concello de Coristanco.

Nesta visita incorporáronse veciñas e veciños da Plataforma Non + Eólicos, que están a mobilizarse e loitar en contra dun proxecto que afecta gravemente a este concello , entre outros, e a este importante espazo natural.  Explicáronnos os pormenores deste proxecto, e todos os danos que causaría en xeral, e tamén concretamente a este humidal.

De xeito improvisado comezaron a aparecer testemuñas de veciñas e veciños que coñecían o humidal dende que eran pequenos, contándonos lendas que escoitaran aos maiores da casa nos seus tempos, e relatos vivos da historia recente do espazo.

Achegámonos na súa compaña a visitar dous dos pozos que quedan con auga permanente todo o ano, e despois de visitalos e explicar a súa orixe, estado actual, etc fomos ver un dos “desaugues” da Lagoa. Xa que fai anos, cando comezaron as labores mineiras na zona, fixéronse dúas enormes gabias para drenar o humidal, o cal fixo que a maioría da auga desaparecera, quedando soamente algúns pozos, e un terreo brañento pero abandonado, con intentos de plantacións de pinos que por sorte nunca chegaron a ir ben, vertebrado por pistas artificiais, e sendo un dos puntos utilizados como vertedoiros ilegais en varios puntos. Tendo un actual estado de conservación moi moi deteriorado, a pesares de ser un lugar a nivel ecolóxico moi importante.

Nesta zona podemos atopar especies botánicas endémicas en perigo de extinción como a Centaurea Ultreiae, dunha alta importancia ecolóxica, ou a Lycopediella inundata, un fento en perigo de extinción que tamén podemos atopar en Alcaián, e que xa se viu afectado por unhas pistas que se abriron no ano 2016.

Falamos pois dun lugar aínda moi importante, a pesares de estar cada vez máis deteriorado. No seu momento foi tamén un espazo de interese ornitolóxico, por ser un lugar de paso e descanso de aves invernantes, que cada vez lles resulta menos atractivo por estar máis deteriorado e con menos zonas inundadas, aínda así pódense observar habitualmente parrulos, garzas, e outras especies, e as cales puidemos ver na xornada de onte a varias delas.

Unha xornada moi interesante e chea de visións dende diferentes perspectivas, pero cun tema común: a protección do noso patrimonio, a protección da nosa terra, a protección dos nosos humidais.

A vindeira semana terá lugar a seguinte actividade, que se realizará o sábado día 9 de febreiro, e durante a cal visitaremos os dous humidais que nos faltan: O Esteiro do Anllóns, e A Lagoa de Traba. E na cal  teremos o gran privilexio de contar coa presenza do ornitólogo Xosé Luís Rabuñal Patiño.

Convidámosvos a participar nesta seguinte actividade dos Días de Achegamento aos Humidais de Bergantiños, e a coñecer máis de preto estes fermosos e importantes espazos.

Esperámosvos!

 

Humidais 2019. Baldaio E Alcaián.

Flickr Album Gallery Powered By: WP Frank