A pasada andaina polos CAMIÑOS DE CAIÓN, con case 30 participantes, pechou unha edición especial da PRIMAVERA EN RUTA na que se cumpriron 15 anos de camiñadas para entender o patrimonio máis de cerca.
Pero a PRIMAVERA EN RUTA é moito máis que un programa de andainas e así se demostrou nesta XV edición, coa agarimosa colaboración de xente dos lugares que nos abriu as portas do patrimonio local: os pazos de Loroxo ou de Restande, o Museo do Liño de Carreira, o Castro da Croa, o muíño de Aldemunde… foron só algúns deses recunchos nos que agradecemos fondamente a participación das e dos habitantes por onde pasamos.
Ao programa tamén se suman as diferentes presentacións onde, ademais de levar o propio programa aos lugares por onde pasamos, facemos as presentacións pormenorizadas dalgún itinerario en concreto. Deste xeito, o CEIP Xosé Pichel de Coristanco recibiunos ao comezo da xeira de andainas para falar da andaina por CORISTANCO HISTORICO.
Por último e o máis coñecido, as propias andainas, que coma sempre, buscan pasar polos lugares máis interesantes facendo as referencias correspondentes en cada unha das paradas e, como non, realizando unha diagnose do propio territorio.
Nestas oito andainas realizadas foron máis de 150 participacións e máis dun cento de quilómetros percorridos polas comarcas de Bergantiños, Soneira e Ordes. Moitísimas paradas para falar de pontes, castros, mámoas, muíños, vexetación de ribeira, pegadas…, intervencións que nos ensinan un pouco máis sobre o noso territorio.
O programa segue con pulo grazas ao encaixe de esforzos no que participaron o Concello de Carballo, o Concello da Laracha, o Concello de Malpica de Bergantiños, o Concello de Zas e o Concello de Trazo. Ademais do apoio institucional, é de destacar a labor de Protección Civil de Carballo e do propio voluntariado de Senda Nova, onde socios e socias colaboran dende as propias inscricións ás andainas, reportaxes fotográficas ou o aporte nas paradas, á difícil labor de condución das actividades, onde se incorporou este ano o esforzo de José María Borrazás.
Sen este encaixe de bolillos, a PRIMAVERA EN RUTA non sería hoxe un proxecto referente na posta en valor do patrimonio, como así se manifestou no apoio que lle deron persoeiros de diferentes áreas a través de máis de 70 vídeos soporte ao proxecto. Entre os videos de apoio están alcaldes da bisbarra, representantes de entidades culturais, veciñais, ecoloxistas. Guías de montaña, persoas de parroquias por onde pasamos, técnicos de turismo, vicepresidente da Deputación Xosé Regueira, medios de comunicación…etc.
O outono agárdanos para a seguinte proposta de roteiros para coñecer.
Moitas grazas a todas e todos.