O calmuzo dos últimos días de maio lémbranos o fin da primavera. O remate das camiñadas en compañía e a pronta despedida da 9ª Primavera en Ruta; que quen sabe, mais ao mellor este ano espéranos unha grata sorpresa para poñerlle remate e darlle a benvida ao verán.
CAMIÑOS DE CAIÓN recibiu a medio cento de participantes cheos de ganas por divisar o encanto desta vila mariñeira e do seu entorno a través de múltiples perspectivas. De outro domingo máis de mesturar o coñecemento co encanto do entorno e da compañía dos diversos participantes, que a estas alturas moitos deles xa son amigos de esforzo e quilómetros, de pasos e coñecementos. Amigos ou compañeiros unidos a través do camiño do noso rural máis achegado.
Outro domingo bretemoso poñía o punto de saída no centro da vila, lugar de reunión e cun amplo conxunto patrimonial, comezando polo convento dos Agostiños, a igrexa do Socorro ou o Pazo dos Condes de Graxal, que acompaña a igrexa.
A mañá tivo un eixe común, seguir os camiños trazados polo mar a carón da costa, deleitándonos coa fermosura da costa acantilada chea de segredos, e furnas que noutro tempo foron covas submariñas. Afastándonos da costa puidemos observar os campos de labradío que dan vida as coñecidas hortalizas de Caión, as primeiras, xunto as de Barizo, en chegares as feiras e mercados da contorna.
O Rapadoiro, en Baldaio, era punto de descanso e momento de restaurante. Lugar de transición entre a costa e a zona máis interior. Unha paisaxe totalmente distinta e descoñecida para moitos dos habitantes das zonas limítrofes. Coma o peculiar lugar do “pozo das rás”, unha formación húmida un tanto descoñecida e cuberta de misticismo. O lugar do Outeiro volvíamos a traer a paisaxe costeira da mañá e deixábanos divisar a fermosura dunha ampla perspectiva da vila caionesa,e a inmensidade do Atlántico facía que nos mergullaramos nos pensamentos máis profundos que se agochan en cada un de nós. A Ermida dos Milagres tamén fixo agromar os pensamentos dos participantes máis crentes e lembrar as grandes peregrinación que se fan a tan fermosa e emblemática igrexa, culto de devoción, ou non, para moita xente visitante.
Augascae achegounos a ese inmenso Atlántico e límite de separación de dous concellos. Alí, sentados na característica herba de acantilado, puidemonos mesturar co entorno e cos segredos que agocha tan impresionante espazo. Tamén foi tempo de parada para coller folgos para retomar a costa final da andaina.
Outra xornada das que fan grupo, na que, para as nosas nenas e nenos da Escola Ambiental sería a derradeira camiñada deste ano. Unha nova sesión da Escola útil para o coñecemento do entorno máis próximo e para prepararse para vindeiras actividades cun maior esforzo.
Sen dúbida, unha xornada ben agradable para despedir o mes de maio e coller folgos para despedir, outro ano máis, un proxecto tan fascinante e no que se unen tantos esforzos como é a Primavera en Ruta.