16 PR Camiños de Aldemunde
16 PR Camiños de Aldemunde 2
Case 60 persoas percorreron o bosque da Ribeira da Pena no que foi a segunda das andainas desta 16 Primavera en Ruta.
Esta segunda das propostas contou cunha nutrida participación da propia xente das parroquias por onde pasamos. O esforzo da AV Aldemunde de Arriba e a entidade de Cerceda Veciños polo Rural dou resultado para aglutinar en torno á ruta polos CAMIÑOS DE ALDEMUNDE máis de medio cento de participantes autóctonos que se uniron á persoas achegadas de Carballo, A Laracha e Malpica de Bergantiños.
O itinerario proposto é o máis curto de todos cantos integran o catálogo desta PRIMAVERA EN RUTA cuns 7 km de percorrido, e ten como principal atractivo o bosque autóctono da Ribeira da Pena, un dos de maior importancia da comarca, e que se vertebra arredor dos concellos de Tordoia, Carballo e Cerceda. Esta mancha boscosa arredor do río Abelleira leva anos nunha profunda regresión pola plantación de eucaliptos, especialmente de especies máis agresivas co entorno como o Eucalipto Regnans. Esta especie chega nalgúns sos á propia beira da canle fluvial, corazón do bosque.
O curto itinerario é intenso tamén en patrimonio cultural, pois a senda polos CAMIÑOS DE ALDEMUNDE pasa por un recinto castrexo e tamén polo dolmen da Pedra Moura. O xacemento megalítico é o de máis sona do concello de Carballo e tamén o máis espectacular, pois conta con chantos de varias toneladas de peso.
Agradecer o esforzo e a sensibilidade da veciñanza de Rodís e Aldemunde con estes espazos e tamén a participación nunha actividade que pretendeu encher de contido as mochilas pdos participantes. Sensibilizar e aprender camiñando é un dos principais obxectivos da PRIMAVERA EN RUTA e coñecemento do seu patrimonio pola poboación local é un dos piares da protección do mesmo.
O vindeiro domingo agárdanos a costa bergantiñá dende Malpica de Bergantiños coa COSTA AGRESTE DE CERQUEDA E CAMBRE, unha excelente proposta paisaxística con lugares interesantes como os muíños da ribeira, pazo de Loroxo ou o castro da Croa de Cerqueda. Desta volta visítanos entidades de fora de Galicia. Contaremos co colectivo Salvemos Peñamayor e o G. N. Mavea, ambalas entidades que viaxan dende Asturies.
16 PR Camiños de Aldemunde 3